A mostra ‘Querido Balbino,1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’ chega ao Val do Dubra, da man de Cultura e Educación
A exposición coa que a Xunta de Galicia lle rende tributo a unha das figuras máis emblemáticas da literatura galega segue percorrendo as localidades da Rede de Dinamización Lingüística
O secretario xeral participou nun encontro do escritor Xosé Neira Vilas con estudantes valdubreses arredor da súa vida e da súa obra
A exposición pódese visitar ata o día 22 de xaneiro no Centro de Formación
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe en Bembibre a mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”, que se poderá visitar ata o vindeiro 22 de xaneiro no Centro de Formación, de luns a venres e en horario de 17:00-19:00 horas.
O Concello do Val do Dubra acolle así a exposición itinerante promovida polo departamento que dirixe o conselleiro Xesús Vázquez, co obxectivo de ofrecerlle á cidadanía galega un percorrido pola vida do autor da obra, Xosé Neira Vilas, e mais un achegamento de primeira man á traxectoria do libro máis lido da literatura galega, Memorias dun neno labrego.
A mostra chega a Bembibre por medio da colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello do Val do Dubra, pertencente á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. O acto inaugural contou coa presenza do escritor e autor da obra, o académico da lingua galega Xosé Neira Vilas e mais coa do rexedor valdubrés.
Encontro de Neira Vilas con escolares
O Auditorio Municipal acolleu, previamente á apertura da mostra, un encontro dun grupo duns cen estudantes de 5º e 6º de primaria dos CEIP Xacinto Amigo Leira, de Portomouro, e CPI de Bembibre. Deste último centro tamén asistiu alumnado dos catro niveis de secundaria. Acompañounos profesorado dos dous centros e o equipo de dinamización da lingua galega do CEIP.
A rapazada, que tivo ocasión de falar co escritor arredor da súa obra e dos protagonistas das pezas que a conforman, nomeadamente Memorias dun neno labrego e mais o coñecido Balbino, abriu o coloquio cunha breve representación teatral arredor desta obra.
Contidos da exposición
‘Querido Balbino’ articúlase en torno a dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia Memorias dun neno labrego -da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.
A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.
O catálogo explicativo da esposición pódese descargar no enlace web www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346894&name=DLFE-10916.pdf.
50 anos de Memorias dun neno labrego
O ano pasado fixo medio século desde a primeira publicación de Memorias dun neno labrego (Bos Aires, 1961), a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas. Mostra disto é que na actualidade estea dispoñible en 17 idiomas e preparándose a edición en xaponés. Entre as adaptacións teatrais que se teñen feito dela destaca unha representación en México, na península de Iucatán, primeiro en castelán e posteriormente en maia, na que Balbino se presentou coma un neno indio.
Xosé Neira Vilas leva percorrendo os centros de ensino de Galicia dende o ano 1992 para achegarlles as Memorias dun neno labrego ás nenas e aos nenos galegos. Durante os encontros, escritor e alumnado intercambian impresións sobre Balbino, o personaxe principal do libro. Amais, o alumnado adoita entregarlle ao autor debuxos ou cartas inspirados na lectura das experiencias vitais do pequeno protagonista.
Achegarlle as letras galegas á cidadanía
A exposición fai parada no Val do Dubra tralo seu paso -desde abril de 2011- polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada e Arteixo. A través da súa itinerancia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.