Xesús Vázquez Abad percorre as instalacións do CEIP Rosalía de Castro e Salgado Torres, ambos na Coruña

O conselleiro de Cultura e Educación comprobou o estado de ambos centros nos que realizan distintas obras de ampliación cun investimento de máis de 50.000 euros

Ven, 11/01/2013 - 13:52
Xesús Vázquez Abad percorre as instalacións do CEIP Rosalía de Castro e Salgado
Xesús Vázquez Abad percorre as instalacións do CEIP Rosalía de Castro e Salgado Torres, ambos na Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad visitou hoxe pola mañá os centros de educación infantil e primaria Rosalía de Casto e Salgado Torres, ambos na Coruña, e nos que realizarán obras de ampliación cun investimento de  50.000 euros.

O conselleiro visitou o CEIP Salgado Torres, xunto o xefe territorial de Educación na provincia, Indalecio Cabana, e o director José Fidel Balseiro. Tras comprobar o estado das instalacións, e en posteriores declaracións aos medios, o titular de Educación afirmou que “a Consellería volveu a dar conta dos seus compromisos para coa comunidade educativa. Así, en vindeiras datas comezarán as obras de ampliación dos espazos no CEIP Salgado Torres, nas que se investirán 50.000 euros”. E concretou que ditas intervencións no centro no que estudan 373 alumnas e alumnos serán relativas á creación de dúas novas aulas de infantil, e á remodelación do comedor. Con esta obra a Consellería levará investido no colexio máis de 125.000 nos últimos catro anos en diversas obras de mellora e adaptación das instalacións.

Cómpre recordar ademais que o CEIP Salgado Torres pertence ao Plan de Mellora de Bibliotecas desde o curso 2009-2010, e, desde o 2006 a administración leva investidos preto de 23.000 euros neste espazo de lectura. Ademais trátase dun colexio con seccións bilingües en lingua inglesa e con contrato programa en modalidade de acompañamento, fora do horario escolar, do que se benefician estudantes do 2º e 3º ciclo.

Obras en centros da Coruña

Por outra banda, e en relación as instalacións do CEIP Rosalía de Castro, que tamén visitou e no que estivo acompañado polo director do colexio, Jesús Javier Celemín; á delegada da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, e o xefe territorial de Educación, Vázquez Abad destacou que “durante o Nadal realizouse a obra de ampliación da biblioteca, dando deste xeito resposta ao compromiso que adquirín cando no pasado mes de maio visitei o centro con motivo do seu XXV aniversario. Unhas instalacións melloradas das que se beneficiaran os máis de douscentos estudantes e o resto da comunidade educativa”.

“Así a Consellería volve a dar conta do seu interese por responder ás necesidades educativas, e a pesares da complicada situación económica seguimos a traballar para que todos as alumnas e alumnos de Galicia teñan cubertas as necesidades e prioridades”, asegurou o conselleiro que tamén recordou que se realizaran as obras de reforma da instalación eléctrica no CEIP María Barbeito, cun investimento de 25.000 euros e que permiten garantir a súa seguridade e mellorar a eficiencia.