O Consello da Xunta ratifica o proxecto da Lei de Universidades para a súa tramitación e aprobación no Parlamento de Galicia
O documento completa o desenvolvemento normativo do sistema universitario desenvolvido polo Goberno galego na pasada lexislatura, tras a aprobación do Plan de financiamento e o Decreto de titulacións
O proxecto será enviado á Cámara lexislativa para a súa tramitación e aprobación nesta lexislatura
Tivéronse en conta as suxestións presentadas polas universidades, consellos sociais, axencias de calidade e sindicatos, de xeito que o texto é froito dun amplo consenso
O Consello da Xunta de Galicia ratificou esta mañá o proxecto de Lei de universidades, que será remitido de inmediato ao Parlamento de Galicia para o seu debate e aprobación ao longo desta lexislatura.Trátase dun requirimento necesario para a tramitación do texto no Parlamento de Galicia, dado que o proxecto de lei fora aprobado no Consello da Xunta do pasado 14 de xuño, na pasada lexislatura.
Desta forma ábrese a porta para o debate na Cámara galega deste texto, que foi elaborado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nun exercicio de diálogo, xa que arredor do texto se acadou consenso de todos os actores implicados, desde as propias universidades ata os consellos sociais, as axencias de calidade, sindicatos etc.
O proxecto de Lei de universidades vén a dar resposta á necesidade de constituír un marco legal integrador para o Sistema universitario de Galicia (SUG), un compromiso manifesto do actual Goberno galego. Cómpre lembrar, de feito, que vén a pechar o desenvolvemento normativo iniciado co Decreto de titulacións e o Plan de financiamento do SUG, ambos os textos elaborados polo equipo dirixido por Xesús Vázquez Abad.
A nova norma substituirá a anterior Lei 11/1989 tras máis de 20 anos en vigor, axustándose á adaptación do SUG ao actual mapa derivado do Espazo Europeo de Educación Superior. O texto refunde toda a lexislación universitaria, actualmente dispersa -derróganse catro leis e actualiza todas as actividades universitarias cunha visión moderna, establecendo as liñas xerais de actuación para unha universidade competitiva baseada nos principios de eficiencia, eficacia, descentralización, colaboración, mobilidade e coordinación-.
O SUG do futuro
O proxecto de Lei de universidades senta as bases do SUG do futuro, que debe sustentarse sobre os principios da racionalidade e a eficiencia, procurando unha estrutura adecuada ás necesidades socioeconómicas de Galicia e ás exixencias que supón a plena integración do noso sistema universitario no Espazo Europeo de Educación Superior.
Para isto, ademais, promóvese a competencia ao máximo nivel internacional das universidades galegas, para o cal se fomenta a cooperación e a mobilidade interuniversitaria. Así mesmo, favorécese a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores e refórzase a función investigadora.
Tamén, coa mirada posta no futuro e na oportunidade que supoñen as ensinanzas non presenciais, especialmente para a formación das persoas ao longo da vida, a nova lei regula por primeira vez as ensinanzas universitarias non presenciais. Neste sentido, establece ademais que a Xunta promoverá a súa impartición por parte das universidades do SUG co obxectivo de favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e a igualdade de acceso aos estudos superiores universitarios.
Ademais, e como unha das principais novidades do texto, establécese que todas as universidades públicas de Galicia se constituirán nun distrito único para os estudos de grao e de máster para os efectos do ingreso do alumnado.
Racionalización e eficiencia
De acordo cos ditos principios, o novo texto aposta pola racionalización da oferta docente de titulacións e pola mellora das estruturas administrativas, e recolle a necesidade de que a organización e actividade das universidades responda aos principios de eficacia, eficiencia no gasto, xerarquía, desconcentración, descentralización, coordinación e colaboración. Así, cada campus contará coa dotación de persoal en función das súas necesidades.
Entre os puntos máis significativos da lei está a creación e o recoñecemento de novas universidades e centros no SUG. Así, prevese que as universidades, tanto públicas como privadas, deberán contar con campus integrados coas estruturas precisas para a organización e o desenvolvemento de ensinanzas conducentes, como mínimo, á obtención de oito títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional. Destes oito cómpre que polo menos catro sexan graos universitarios e dous sexan programas de doutoramento en dúas ramas do coñecemento.
Mobilidade no SUG
Outro dos puntos reflectidos neste proxecto é a promoción de medidas para obter unha política homoxénea sobre equipos, negociación colectiva e prestacións asistenciais para o persoal docente e investigador das universidades. Estas e a Xunta facilitarán e fomentarán a mobilidade do persoal docente e investigador a través de concursos de traslados.
Ademais, as universidades establecerán canles de colaboración e coordinación que permitan un óptimo aproveitamento dos recursos humanos do SUG. Con esta finalidade, formalizarán convenios de colaboración para que o seu persoal poida desprazarse temporalmente ou con dedicación parcial a centros fóra da súa universidade.
Coa nova lei darase un paso máis desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de cara ao desenvolvemento normativo no eido universitario. Cómpre destacar que o texto foi consensuado con todos os axentes implicados directamente no eido do ensino universitario de Galicia.