O conselleiro de Cultura e Educación presenta ‘O libro dos Reis Magos’ para impulsar o uso do galego entre os máis cativos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe pola mañá a publicación O libro dos Reis Magos, realizado a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e editado por Galaxia. No acto de presentación desenvolvido na Cidade da Cultura, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín Garcia; polo director xeral da editorial Galaxia, Víctor Freixanes; pola ilustradora María Seoane e polas escritoras Rosario Golmar, Rosalía Morlan, Andrea Porto, Celia Parra, Eva Lozano, Inma López Silva e Yolanda Castaño.
Ademais das escritoras que asistiron ao acto de presentación, tamén participan nesta publicación Rosa Aneiros, Helena Villar Janeiro, Fina Casalderrey ou Anxos Sumai, así ata chegar ás 26 autoras galegas que asinan este libro composto por outros tantos discursos aos Reis Magos, cada un deles acompañado por unha ilustración asinada por Marina Seoane. O obxectivo do libro é que ao longo das cabalgatas que se celebrarán o vindeiro 5 de xaneiro, as Súas Maxestades poidan ler estas cartas escritas en galego.
Durante a súa intervención, Xesús Vázquez Abad sinalou que “aproveitando estas datas tan significativas e entrañables, a Consellería impulsa esta nova iniciativa de promoción do galego para que os representantes das súas maxestades os Reis Magos de Oriente, podan ler aos máis cativos as súas peticións e bos desexos para o noso idioma durante as cabalgatas que encherán de ledicia e ilusión as rúas das vilas de Galicia”.
Do mesmo xeito, o conselleiro de Cultura e Educación recordou que “esta iniciativa encádrase dentro das accións de Nadal en Rede desenvolvidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da Rede de Dinamización Lingüística e dirixidas aos máis cativos co obxectivo de favorecer o uso do galego”. Cómpre destacar que este libro xa chegou a todos os concellos que integran a RDL e está dispoñible a través do enlace web http://www.xunta.es/linguagalega/libro_reis_magos
Nadal en Rede
Ademais da publicación O libro dos Reis Magos, o programa Nadal en Rede tamén desenvolve outras actividades como os obradoiros Cantámosche os Reis que hoxe estarán en Moaña, mañá en Palas de Reis e o día 4 farán unha dobre sesión e estarán en Campo Lameiro e Ames. Toda a programación e información relativa a esta actividade pode consultarse no web http://www.xunta.es/linguagalega/contamosche_reis.
Doutra banda, é importante recordar que a primeira iniciativa posta en marcha dentro do programa Nadal en Rede foi Lingua de Reis, unha iniciativa que levou de visita aos Reis Magos de Oriente polos colexios de nove concellos galegos pertencentes á RDL. Durante os encontros, as súas Maxestades animaron o alumnado de infantil e de primeiro ciclo de primaria a que lles escribiran as cartas deste Nadal en galego.
Co fin de facilitarlles aos nenos e ás nenas esta encomenda dos Reis Magos de enviarlles a misiva deste ano en galego, a RDL creou un modelo de carta que Política Lingüística enviou a case un cento de concellos que non dispoñían desta iniciativa. Distribuíronse 5.000 exemplares e o modelo tamén se pode descargar dende o web www.xunta.es/linguagalega/arquivos/carta_reis_magos.pdf.
Por último, a RDL deseñou o catálogo dixital Este Nadal... agasalla en galego!, que inclúe un bo feixe de ideas para agasallar nestas datas, como discos, libros, xoguetes, roupa, tecnoloxía ou produtos alimenticios, todos eles co denominador común de usaren o galego nos seus contidos e/ou etiquetaxe.
Rede de Dinamización Lingüística
A RDL é un proxecto impulsado polo Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no que a día de hoxe participan case 130 entidades de Galicia, co obxectivo prioritario de establecer e consolidar vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica dando así un paso máis na promoción planificada do noso idioma. Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais son os seus principais propósitos.