Basilio Losada recibe en Lugo o XXXV Premio Otero Pedrayo, que promoven a Xunta de Galicia e as catro deputacións galegas

A trixésimo quinta edición do galardón, co que colabora a Consellería de Cultura e Educación, recoñece a contribución á cultura galega do tradutor e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa

O secretario xeral de Cultura asistiu ao acto de entrega do premio, que se celebrou esta tarde no Museo Provincial de Lugo

Ven, 28/12/2012 - 19:50
O tradutor e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa Basilio Losada
O tradutor e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa Basilio Losada recibiu hoxe en Lugo o XXXV Premio Otero Pedrayo, un galardón que promoven a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e as deputacións provinciais de Galicia. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu a entrega do premio xunto co vicepresidente e mais o deputado-delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga e Mario Outeiro, respectivamente, nun acto

O tradutor e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa Basilio Losada recibiu hoxe en Lugo o XXXV Premio Otero Pedrayo, un galardón que promoven a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e as deputacións provinciais de Galicia.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu a entrega do premio xunto co vicepresidente e mais o deputado-delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga e Mario Outeiro, respectivamente, nun acto que se celebrou esta tarde na sala de exposicións Maruja Mallo do Museo Provincial de Lugo.

O galardón, dotado con 30.000 euros, ten por obxecto poñer en valor a vida e a obra do escritor Otero Pedrayo, ao tempo que premia o labor de persoas ou institucións pola súa contribución á difusión e ao desenvolvemento da cultura galega.

A periodicidade do premio é anual. Cada ano concédeo unha das deputacións provinciais, correspondéndolle á Deputación de Lugo a súa convocatoria en 2011. O xurado desta edición reuniuse na cidade das murallas o pasado 26 de novembro. En representación da Xunta de Galicia participaron os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente. Tamén formaron parte do xurado representantes das catro deputacións, das universidades galegas, da Real Academia Galega e do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegas, xunto con outras cinco persoas de recoñecido prestixio designadas por cadansúa deputación e mais polo Goberno galego.

Contribución á cultura galega desde a lingua e a literatura

Basilio Losada Castro naceu na parroquia da Proba de San Xiao, no concello lucense de Láncara, o ano 1930. O primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa pola Universitat de Barcelona é autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira, así como de traballos de investigación filolóxica e literaria.

No seu labor de tradutor, verteu ao galego e ao castelán 150 libros, especialmente desde o alemán, o francés o catalán e o portugués, de autores como Jorge Amado, Rosalía de Castro ou Pere Gimferrer. En 1991 recibiu o Premio Nacional de tradución por Memorial do convento, de Saramago. Tamén conta con outras distincións, entre as que destacan a Medalla Castelao da Xunta de Galicia, a Creu de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya e a Ordem do Cruzeiro do Sul de Brasil.

Figuras destacadas como Isaac Díaz Pardo ou Francisco Fernández del Riego e institucións como o Museo do Pobo Galego ou a Fundación Otero Pedrayo tamén foron galardoadas con este premio.