A Consellería de Cultura e Educación destaca que máis de 300 nenos participaron na programación infantil de Nadal no Gaiás

Os obradoiros “Unha árbore de Nadal. Mans á obra!”, “Os regalos son cousa miña”, “Enredando con xoguetes tradicionais” e “Decorando galletas” esgotaron prazas

O 3 de xaneiro, a Cidade da Cultura acollerá o concerto solidario “Cancións por regalos”, no que pais e fillos se achegarán á música pop

Dom, 30/12/2012 - 10:01
A Consellería de Cultura e Educación destaca que máis de 300 nenos participaron
A Consellería de Cultura e Educación destaca que máis de 300 nenos participaron na programación infantil de Nadal no Gaiás

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca o éxito da programación infantil Nadal no Gaiás, pola que xa pasaron máis de 300 nenos. Os obradoiros Unha árbore de Nadal. Mans á obra!, Os regalos son cousa miña, Enredando con xoguetes tradicionais e Decorando galletas contaron con moi boa acollida de público, esgotando as prazas ás poucas horas de abrirse a inscrición. A eles hai que sumarlle o cartel de “non hai entradas” colgado na función de monicreques O Arxina e o Felo, que completou o aforo nas súas dúas sesión, e a boa resposta dos máis pequenos ao concurso de postais de Nadal.

O sábado 22 de decembro, medio cento de nenos a partir de 6 anos aprenderon a elaborar a súa propia árbore de Nadal e a decorala ao tempo que desenvolveron a súa creatividade e a súa imaxinación. Coas prazas esgotadas na quenda de mañá e tarde, os cincuenta pequenos divertíronse transformando durante dúas horas papeis, cartóns de ovos e botellas de plástico nunha fermosa árbore.

A experiencia repetiuse este mércores no obradoiro Os regalos son cousa miña, no que da man de Paula Tubío, outros 50 rapaces a partir de 9 anos confeccionaron chaveiros, chapas, broches ou xogos de mesa cos que agasallar e sorprender a amigos e familiares nestas datas. Unha experiencia que foi máis alá este venres grazas a Enredando con xoguetes tradicionais, que lle permitiu aos máis pequenos coñecer como se entretiñan os nosos antepasados e descubrir que xogos contemporáneos parten de ideas que veñen de moi atrás. Xosé López e Xosé Manuel García conducíronnos aos xogos cos que se divertían os seus avós e bisavós e ensináronlle como con xuncos ou canas se pode ter unha barca ou un carro de bois.

O último dos obradoiros tivo lugar onte, cando uns sesenta rapaces aprenderon a decorar ricos doces e sobremesas. Estrelas, árbores, calcetíns, cestiñas e todo un universo de galletas encheron de cor e sabor o Gaiás.

Completo en Arxina e o Felo

O éxito dos obradoiros trasladouse tamén á obra teatral Arxina e o Felo, que colgou o cartel de “non hai entradas” nas dúas funcións que tiveron lugar no Museo Centro Gaiás o domingo 23 de decembro. Os máis pequenos da casa coñeceron a través destes divertidos monicreques o día a día dun dos oficios máis característicos de Galicia, o de canteiro, nesta divertida historia creada pola compañía Viravolta.

Os nenos tamén foron os protagonista do concerto didáctico Berrogüetto en familia, que o 21 de decembro inaugurou a programación especial da Cidade da Cultura. Grandes e pequenos encheron o auditorio do Centro de Innovación Cultural para gozar coa música dunha das mellores bandas de folk de Galicia e descubrir a través dos seus músicos os segredos dos instrumentos.

Concurso de postais de Nadal

A resposta dos máis pequenos da casa ao concurso de postais de Nadal organizado pola Cidade da Cultura foi moi positiva. Un total de cincuenta nenos menores de 6 anos animáronse a imaxinar o seu propio Nadal no Gaiás e enviarnos as súas felicitacións por correo postal. Daniela Viqueira García, de 5 anos de idade, Alejandro Jiméndez Rivas, de 6 anos de idade; e Daniela Regueiro Vázquez, de tres anos de idaderesultaron os gañadores do concurso, recibindo un completo plumier e unha entrada triple para o espectáculo de monicreques O Arxina e o Felo. Debido á alta calidade das postais presentadas e ao alto número de traballos recibidos, o xurado decidiu conceder cinco mencións especiais a Alejandro Sanjiao, Aldara Franco, Iván Silva Torres, Marta V. Miramontes e Uxía Fernández.

Cancións por regalos

Os máis pequenos teñen unha última oportunidade de gozar no Gaiás co concerto solidario Cancións por regalos, que terá lugar este xoves 3 de xaneiro ás 18:00 horas.

Os asistentes que se acheguen ao Centro de Innovación Cultural poderán escoitar un repertorio especial de Zahara, Andrés López de Niños Mutantes, Pablo e Rubén Castelo de Maryland, Sleeping Cat, Rafa Arcos de Manos de Topo e Wild Balbina. O custe integro de cada unha das entradas deste concerto solidario irán destinados á ONG Iniciativa Social Berce que durante o Día de Reis repartiran presentes entre os que máis o precisen.