Cultura e Educación apoia a investigación en galego na entrega do premio do VI certame Condado de Pallares

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu á entrega do premio deste certame organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares

Begoña González Aguiar resultou gañadora do VI certame de investigación Condado de Pallares cun estudo sobre a presenza do mestre Mateo no sur da provincia de Lugo

Ven, 21/12/2012 - 20:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou este serán na entrega do premio do Certame de Investigación Condado de Pallares, que nesta sexta edición recaeu no traballo A presenza do mestre Mateo no sur da provincia de Lugo. O taller de Portomarín nos concellos de Taboada, Chantada e Carballedo, da autoría de Begoña González Aguiar.

Ao acto, que tivo lugar na Casa da Cultura de Guntín, ademais do secretario xeral, asistiron o delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; os alcaldes de Taboada, Ramiro Moure, e de Guntín, Jesús Carreira Ferreiro;e maisÓscar Delgado, da Fundación Novagalicia Banco. Valentín García incidiu na relevancia desta iniciativa por “fomentar o uso do galego no eido da investigación, nomeadamente na investigación sobre o propio idioma, que deu lugar a importantes traballos que afondan no coñecemento dos valores fundamentais da cultura galega”. “O galego é unha lingua apta para desenvolver calquera campo do saber, como xa nos demostraron os investigadores pertencentes á xeración de Galaxia, mais é preciso seguir demostrándoo facendo investigación en galego”, engadiu.

O traballo gañador

A chantadina Begoña González Aguiar, licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, foi a gañadora do VI certame de investigación Condado de Pallares, por A presenza do mestre Mateo no sur da provincia de Lugo. O taller de Portomarín nos concellos de Taboada, Chantada e Carballedo. Un traballo de investigación sinxelo, segundo a valoración do xurado, propio dunha investigadora en formación –na actualidade a autora prepara a súa tese de doutoramento sobre dos petróglifos galegos–, pero que tenta ir máis alá da mera catalogación e descrición formal para establecer un nexo común na arquitectura e decoración románicas dun conxunto de igrexas dos concellos de Taboada, Chantada e Carballedo arredor dun taller artístico e arquitectónico con centro en Portomarían e baixo a influencia estilística do Mestre Mateo, o autor do Portico da Gloria compostelán.

Nesta edición do certame, o xurado estivo integrado polos profesores Carlos Baliñas e Gonzalo Fernández Suárez; o encargado do Departamento de Difusión do Museo Provincial de Lugo, Fernando Arribas, e mais por Socorro Castro, membro daasociación organizadora do certame.

Premio á investigación en galego

O certame de investigación Condado de Pallares –organizado nesta sexta edición pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, a Consellería de Cultura e Educación, a Deputación de Lugo, a Obra Social de Novacaixagalicia e os concellos de Guntín e Taboada– promove a realización de traballos de investigación sobre diversos ámbitos da cultura galega –lingüística, etnografía, antropoloxía etc.– de Taboada, de Guntín, de Chantada e de Carballedo, concellos que formaban o antigo Condado de Pallares.

Ao premio, dotado con 3.000 € e coa publicación da obra gañadora, podían concorrer textos inéditos en lingua galega arredor da temática antedita, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos do antigo Condado de Pallares.

Menús News node R