Cultura e Educación dinamizará o galego este Nadal entre os máis novos co espectáculo “Brincabolechas. Circo de nadal”
O secretario xeral de Política Lingüística presentou o novo espectáculo dos Bolechas, un musical infantil co que estes populares personaxes promoverán a lingua galega de xeito amable e cordial entre as xeracións máis novas
Entre o 26 de decembro e o 7 de xaneiro, o espectáculo “Brincabolechas. Circo de Nadal” chegará a Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense, Lalín, Ferrol e Vilagarcía de Arousa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá o novo espectáculo “Brincabolechas. Circo de Nadal”, un musical infantil co que os seis irmáns Bolechas e o seu can, Chispa, dinamizarán a lingua galega entre as nenas e nenos de sete cidades e vilas galegas.
Os populares personaxes estarán acompañados por moitos amigos cos que interpretarán diversos números cómicos, de malabares e de musica, no que terá un especial protagonismo a banda sonora dos Bolechas, tanto os temas xa coñecidos como as novas cancións orixinais. Este espectáculo, producido por Edicións Bolanda coa colaboración da Xunta de Galicia e da TVG, entre outros, conta coa produción artística de Pistacatro e a participación dun amplo elenco técnico e artístico formado por máis de 30 persoas á fronte das cales estarán, como mestres de cerimonias, os coñecidos artistas Pepa Yáñez e Víctor Mosqueira.
Finalidade pedagóxica e educativa
No acto de presentación á prensa, que tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) en Santiago de Compostela, o secretario xeral estivo acompañado pola directora da TVG, Rosa Vilas; polo responsable da empresa xestora da actividade, a Editorial Bolanda, Antonio Couto; e mais polos representantes de Novagalicia Banco, Ana Salgado e María Paz Comesaña.
García Gómez resaltou a importancia dos Bolechas para a promoción da lingua entre as xeracións de idades máis temperás “unha familia de simpáticos personaxes animados, creados por Pepe Carreiro, que achegaron a lingua propia de Galicia, o maior signo de identidade do noso pobo, a todos os fogares galegos con crianzas, a través de historias cotiás, narradas dun xeito ameno e próximo para os pequenos, que conclúen sempre cunha aprendizaxe final”.
En palabras do secretario xeral “Tatá, Chispa, Carlos, Braulio, Sonia, Pili e Loli xunto cunha manchea de amigos farán vibrar a xente miúda da casa e as súas familias cun divertido espectáculo circense, cheo de xogos e bonitas cancións en galego que os nenos e nenas poderán seguir cantando despois nas súas casas”.
Universo Bolechas en oito vilas e cidades
O espectáculo “Brincabolechas. Circo de Nadal” percorrerá oito vilas e cidades galegas entre o 26 de decembro e o 7 de xaneiro. A primeira cita terá lugar o vindeiro mércores 26 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo; o xoves 27 o equipo trasladarase ao Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo; o venres 28 a cita será no Centro Cultural Novacaixagalicia de Santiago de Compostela; mentres que o último espectáculo do 2012 terá lugar o sábado 29 de decembro no Centro cultural Novacaixagalicia de Pontevedra.
Xa en xaneiro, a primeira cita será o día 2 no Auditorio Municipal de Ourense; o xoves 3 trasladarase ao Auditorio Municipal de Lalín e o venres 4 ao Teatro Jofre de Ferrol. A xira rematará o luns 7 de xaneiro no Auditorio Municipal de Vilagarcía. Todos os espectáculos darán comezo ás 18.30 h.