Cultura e Educación e Supervisión e Control fomentarán o emprendemento na FP a través do concurso ‘Reinventa a ITV, inventa o teu futuro’
Os alumnos gañadores do certame recibirán como premio unha bolsa de formación nas instalacións da empresa responsable da inspección técnica de vehículos
O conselleiro e o director xeral da compañía asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento desta iniciativa, no marco do Plan de emprendemento ‘Eduemprende’
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a empresa responsable da inspección técnica de vehículos Supervisión y Control S.A. colaborarán no fomento do emprendemento entre o alumnado da Formación Profesional galega, a través do lanzamento da primeira edición do concurso ‘Reinventa a ITV, inventa o teu futuro’. O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral da compañía, Juan Diego Rodríguez Martínez; asinaron hoxe un convenio para o desenvolvemento do certame, no que poderán participar as alumnas e alumnos matriculados no segundo curso do ciclo superior de Automoción en centros públicos da nosa comunidade autónoma, o que supón arredor de 200 estudantes de réxime ordinario e algo máis dun cento do réxime de persoas adultas. Á sinatura do convenio asistiron tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e a coordinadora de Formación e Comunicación da empresa, Matilde Fernández Alonso.
Os integrantes do equipo gañador serán beneficiarios dunha bolsa de formación remunerada dun ano de duración nun centro da empresa, próximo ao seu domicilio, a través do programa de bolsas de formación de Feuga. Ademais, o centro no que estuden recibirá un premio económico de 5.000 para a mellora das ensinanzas de FP que nel se impartan.
A iniciativa enmárcase no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘Eduemprende’, unha estratexia posta en marcha polo departamento dirixido por Vázquez Abad para promover o espírito emprendedor e empresarial en todas as etapas educativas como unha competencia básica que facilitará, entre outras, a entrada no mundo laboral do alumnado.
Deste xeito a Consellería de Cultura e Educación reforza a estratexia de impulso e posta en valor destas ensinanzas que vén desenvolvendo ao longo de toda a lexislatura pasada, e que ten no impulso do emprendemento e da empregabilidade da FP un dos seus piares fundamentais.
Mellora da ITV
‘Reinventa a ITV, inventa o teu futuro’ busca ser un viveiro de ideas, cuxo produto final sexan proxectos con propostas para mellorar as actuais condicións baixo as que se presta o servizo da ITV en Galicia.
A participación será en equipo, integrado por un número de tres ou catro alumnos e sempre a través dos centros educativos. Cada centro deberá nomear un profesor que coordinará a todos os equipos que presento o centro educativo, e que actuará como titor do alumnado na elaboración dos seus proxectos.O obxectivo da iniciativa, que comezará a funcionar en xaneiro, é fomentar o traballo en equipo e o espírito emprendedor, ambos principios fundamentais do ‘Eduemprende’; así como impulsar a inserción laboral dos titulados na FP galega.