Galicia, a única comunidade do Estado en resolver todas as convocatorias de investigación en I+D+i, tamén é a que máis inviste na materia
En materia de apoio á ciencia, e malia crise económica a Consellería de Cultura e Educación está a xestionar algo máis de 49,2 millóns de euros
A Xunta tamén cofinancia en solitario as axudas Ramon y Cajal y Juan de la Cierva para captar talento científico
O Secretario Xeral de Universidades, Jose Alberto Díez de Castro, vén de manifestar a súa sorpresa diante das protestas efectuadas onte polo colectivo “Precarios Galicia” cando, ao seu xuízo “son conscientes da existencia do diálogo fluído e continuo que manteñen coa Consellería, ata o punto de que a Comunidade Autónoma galega é a única de todo o Estado que está a resolver todas as convocatorias tanto de recursos humanos como de financiamento da investigación en materia de I+D, mantendo polo tanto o seu compromiso de investimento”
Díez de Castro lembrou tamén que Galicia atópase á cabeza das Comunidades Autónomas en inversión en I+D+i grazas a súa política continuada de apoio á investigación de alta calidade, ao establecemento de liñas novidosas na formación de investigadores, e ao apoio ás infraestruturas científicas,.
O obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e ordenación Universitaria é crear universidades fortes en investigación que sirvan de motor ao desenvolvemento de Galicia. Nese sentido, amais da implantación do Plan I2C, estanse a manter todos os compromisos derivado do Plan INCITE ao tempo que se abren novas liñas pioneiras e inéditas que están a ser consideradas como referentes no conxunto do Estado.
“De feito, en materia de apoio á ciencia, e malia crise económica -declarou- a Consellería está a xestionar algo máis de 49,2 millóns de euros, no marco dun modelo de investigación universitaria “definido, coherente, planificado e moderno. De feito, o I2C posibilita cada ano desde 2011 a incorporación de 100 persoas á etapa predoutoral cun contrato global de 3 anos, fronte ás 75 cun contrato de 2 anos do INCITE, dando prioridade ás liñas estratéxicas integradas nos Campus de Excelencia internacional nas universidades galegas”.
A Consellería recorda que no 2011, primeiro ano de vida do Plan I2C, se puxeron en marcha as actuacións de apoio á etapa predoutoral, á cal xa se incorporaron nestes dous anos 200 persoas, 25 máis ao ano que as ofertadas polo INCITE. Tamén se cumpriron por parte da Consellería os compromisos de estabilización de 16 investigadores procedentes dos programas Parga Pondal e do antigo Plan INCITE e dos Ramón y Cajal do Estado.
En 2012, ademais de dar continuidade ás actuacións predoutorais e de estabilización púxose en marcha o apoio á fase posdoutoral 1, que cobre o período de mobilidade ao estranxeiro dos doutores novos con finalidade formativa así como o seu retorno, e para a que se convocan 75 axudas. Finalmente, concedéronse axudas a investigadores participantes nos prestixiosos programas Starting Grants e Consolider.
Ademais a Xunta anunciou hai un mes que cofinanciará as axudas “Ramon y Cajal” e “Juan de la Cierva” para contribuír a que a Universidade galega poida dar un salto de calidade no ranquin da investigación. A medida, pioneira e única en España consistirá- en achegar 10.000 € por cada bolsa “Ramón y Cajal”, e 7.000 por cada axuda “Juan de la Cierva”, e o seu propósito non é outro que captar talento científico e innovador.