O conselleiro de Cultura e Educación manterá esta semana un encontro cos membros da Real Academia Galega

Xesús Vázquez Abad recordou no Parlamento que a Xunta fixo no 2012 un importante esforzo económico e as achegas autonómicas foron de máis de 550.000 euros

A administración presta apoio e colaboración institucional á RAG para a organización de actividades para a promoción e fomento do patrimonio cultural e da lingua galega

Mar, 18/12/2012 - 20:07

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que para este xoves está fixado un encontro cos representantes da Real Academia Galega, no que estarán presentes os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente.

Un encontro programado desde antes de que a propia RAG o reclamase e que ten como obxectivo ratificar o compromiso da administración con dita institución. A convocatoria pon de manifesto, tal e como asegurou o conselleiro, “asfluídas e cordiais relacións existentes entre a RAG e a Xunta” cunha colaboración constante e favorable ao común obxectivo de promoción da lingua galega.

Neste sentido, recordou que a Xunta outorga á Real Academia Galega a máxima consideración e, sobre todo, o recoñecemento ao seu labor como institución científica que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego. Un labor que Vázquez Abad sinalou que “coincide co esforzo diario da Xunta de Galicia pola difusión, a promoción e o fomento do emprego do grande piar do noso patrimonio cultural e da nosa identidade como pobo: a nosa lingua propia, o galego”.

Así, explicou que “máis alá das cuestións económicas, a Administración presta apoio e colaboración institucional á RAG, como foi o caso da organización de actos ao redor do 50 aniversario do Día das Letras Galegas e da conmemoración do 17 de maio, que este ano tiveron a Valentín Paz- Andrade como protagonista; e á promoción da lingua galega como obxectivo principal das dúas entidades”. Vázquez Abad engadiu que “pese á crise, o 2012 foi un dos anos máis prolíficos en canto a actos relacionados coas Letras Galegas –data que creou a Real Academia—e, asemade, houbo unha grande actividade adicional relacionada coa figura do autor homenaxeado, na que a Xunta tamén colaborou”.

Orzamentos de 2012

Respecto dos orzamentos dos que dispón a RAG, Xesús Vázquez Abad recordou que o montante do presente ano procedente da administración autonómica e estatal ascende a algo máis de 1,2 millóns de euros, dos que no máis de 550.000 foron achegados pola Xunta. Mentres que o resto do orzamento foi, tal e como no seu momento agradeceu a propia RAG, grazas as xestións promovidas pola presidente da Xunta que posibilitaron que o Estado asignase á institución outros 681.000 euros. Ao seu xuízo unhas actuacións e investimento que demostran o apoio da Xunta á RAG, a pesares da grave situación.

Neste senso, e de cara ao vindeiro ano asegurou que “se fará o máximo esforzo posible para continuar coa colaboración nas actividades e proxectos da RAG, no marco das boas relacións existentes e do contacto permanente coa institución lingüística de referencia. Todo este proceso levarase a cabo co obxectivo de seguir impulsando o labor que desenvolve a RAG a prol da lingua propia de Galicia, no marco dos convenios que Xunta e RAG veñen asinando desde hai anos”, e polo tanto“non se poden poñer en dúbida os esforzos que se están a facer na xestión de recursos para asegurar servizos e apoios a outras entidades e institucións”.