As editoriais galegas mantiveron en 2011 a oferta de libros, cun total de 2.156 títulos, segundo o último informe de comercio interior do libro en Galicia

A Consellería de Cultura e Educación, e a Asociación Galega de Editores deron a coñecer hoxe, Día da Edición, os datos do estudo, promovido polas dúas entidades

O informe analiza a situación das empresas asociadas á AGE a partir de parámetros de produción, de emprego, de facturación e de comercialización

O secretario xeral de Cultura anunciou a próxima elaboración do Plan Director do Libro, para o que se terán en conta os resultados deste informe

Lun, 17/12/2012 - 12:58
Anxo Lorenzo presentou o informe
Anxo Lorenzo presentou o informe

As editoriais galegas publicaron en 2011 un total de 2.156 títulos, venderon preto de dous millóns de exemplares e facturaron 27,17 millóns de euros. Estas son algunhas das cifras máis significativas que se desprenden do último informe sobre o comercio interior do libro en Galicia, referente ao ano 2011, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración da Asociación Galega de Editores (AGE).

Os principais datos do estudo déronos a coñecer esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente da AGE, Manuel Bragado, nunha rolda de prensa que tivo lugar na Biblioteca de Galicia. A presentación coincidiu co Día da Edición en Galicia, que se celebra o 17 de decembro con motivo do aniversario do nacemento de Ánxel Casal, un dos pioneiros na publicación de libros en Galicia e en galego.

Unha radiografía da situación da edición

O informe foi realizado pola consultora Conecta Research&Consulting, que elabora tamén os mesmos datos para a Federación de Gremios de Editores de España referentes ao conxunto de España. Del despréndese unha radiografía da situación da edición privada en Galicia que, segundo anunciou o secretario xeral de Cultura, “será unha base fundamental das próximas iniciativas que poñamos en marcha no sector editorial”, entre as que destacou o Plan Director do Libro.

Os datos do informe refírense fundamentalmente ás empresas privadas asociadas á AGE (un total de 48), polo que quedan fóra tanto a edición do sector público como a producida por editoriais privadas de fóra de Galicia e a autoedición ou edición de autor. Con todo, os datos son amplamente significativos, xa que o 86% dos libros editados en Galicia en 2011 saíron de editoriais privadas, nun 70% asociadas á AGE.

Mantemento da oferta con 2.156 títulos

No que atinxe á produción, editáronse un total de 2.156 títulos en 2011, o que supuxo un aumento de algo máis do 2% respecto de 2010 e do 33% respecto de 2007. Sobre estas cifras, Anxo Lorenzo explicou que, malia descenderen os datos da edición global dos libros editados en Galicia, “o sector editorial privado galego conseguiu manter un nivel de alimentación do mercado mesmo crecente en canto a número de títulos”. Destes 2.156 títulos, o 73,6% están en galego, o que tamén supón un incremento dun 1,3% na edición de títulos na lingua propia de Galicia en comparación co ano anterior.

Preto de dous millóns de libros vendidos

O número de exemplares vendidos polos editores galegos en 2011 ascendeu a 1.949.256, cun prezo por libro de 13,94 euros no punto de venda. A facturación obtida nese ano foi de 27,16 millóns de euros, dos cales 21,47 corresponderon a edicións en galego. Esta cifras reflicten que as vendas do libro editado polos editores galegos supuxeron en 2011 o 16,1% do mercado total galego.

Os datos globais de facturación apuntan un descenso do 12,3% respecto a 2010 e do 14,8% en comparación co 2007. “Estas cidras evidencian como veu afectando a situación económica global neste sector”, dixo o secretario xeral, que precisou que “a facturación para a edición en galego se mantivo mellor”, cun descenso do 8% e do 2,5% con respecto a 2010 e a 2007, respectivamente.

Consumo centrado nos máis novos

As dúas principais materias en termos de facturación son o libro de texto non universitario e os títulos infantís e xuvenís, o que conxuntamente representan un 63% (o 45% e o 18,6%, respectivamente). “Isto quere dicir que o sector das franxas de idade máis novas é o principal destinatario do libro en Galicia”, apuntou o secretario xeral. Estes datos son bastante semellantes se se fai o desglose por idiomas, aínda algo máis elevados no caso do galego, acadando o 72%.

236 postos de traballo

Outro dos factores a partir dos que se elabora o informe é o da capacidade de emprego. As empresas analizadas manteñen en 2011 un total de 236 postos de traballo, o que supón algo máis dun 25% de descenso dos empregados respecto dos últimos cinco anos. A baixada produciuse principalmente no ámbito dos colaboradores externos das editoriais, que minguou nun 75%. “Estas cifras debuxan un sector atomizado, cunha media actual de 5 traballadores por empresa”, explicou.

Datos alentadores na produción

Na súa valoración sobre a situación das editoriais galegas, Anxo Lorenzo referiuse ao período de intensas dificultades económicas no que se atopa o conxunto dos sectores empresariais, entre os que se inclúe o editorial. “Con todo –dixo–, desde a perspectiva da oferta, os datos son certamente alentadores e dan mostra de que contamos cun sector editorial moi implicado na súa actividade, con capacidade de adaptación á situación económica”.

Necesidade de ampliar a cota de mercado

Respecto da cota de mercado que representa a edición galega no conxunto do mercado do libro en Galicia está é aínda “moi pequena”, dixo, “e ese percorrido hai que incentivalo traballando todos nunha dirección e poñendo azos coordinados e claros, se queremos favorecer unha promoción da creatividade que se fai aquí, dos nosos autores e autoras, dos nosos ilustradores e ilustradoras, e por suposto da lingua galega”.

Para avanzar nunha mellora do sector, o secretario xeral destacou “a necesidade de, neste novo período, traballarmos cunhas liñas claras, planificadas e coordinadas, algo no que penso que estamos de acordo os diversos axentes que intervimos no proceso do libro e do fomento da lectura”.

Elaboración do Plan Director do Libro

“Con este obxectivo –dixo– parécenos que é imprescindible trazar novas vías axeitadas á realidade deste momento e definir un conxunto de medidas para remar nunha dirección que compartamos para estes anos”, dixo. “E esa vai ser a tarefa que asumamos desde a secretaría Xeral de Cultura nestes primeiros meses: sentarnos co sector para elaborar o Plan Director do Libro, que non podemos demorar e que temos que construír de maneira operativa”.

Este plan vai estar enmarcado á súa vez no Plan da Cultura Galega, segundo explicou Anxo Lorenzo, “no que desde a Xunta de Galicia poremos todos os nosos esforzos de coordinación institucional para sacalo adiante nos próximos meses”. “Un plan que debe trazar liñas claras de futuro, que se sosteñan, que sexan realistas e que nos permitan medrar en todos os sentidos, sobre todo no acceso cidadán á cultura”, concluíu.

Declaracions de Anxo Lorenzo

Menús News node R

Colectivo

Tema