Xesús Vázquez Abad anima ás novas xeracións a seguir o legado de Paz Andrade e concibir Galicia como “un suxeito dinámico e activo”
O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe na clausura do congreso celebrado en Pontevedra en homenaxe ao intelectual ao que se lle dedicou o Día das Letras
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, puxo hoxe en valor o “legado fundamental” de Valentín Paz Andrade, “un home poliédrico de grandísima curiosidade intelectual”, do que salientou que “nunca tivo medo de enfrontarse á vida, ás empresas e aos retos intelectuais que o seu espírito inquedo e bulideiro lle facía agromar no corazón e no ánimo”.
No acto de clausura do congreso dedicado ao autor a quen no 2012 se lle dedicou o Día das Letras Galegas, organizado en colaboración pola Consellería, a Real Academia Galega e o Concello de Pontevedra, Vázquez Abad animou ás xeracións presentes e futuras a mirar “con ánimo imitativo” cara “as leccións de vida e de traballo do ilustre pontevedrés”. Neste sentido, salientou como o seu legado a idea-forza da súa obra Galicia como tarea, “concibir Galicia como un suxeito dinámico e activo que non podía renunciar a ningún tipo de propósito, fosen cales Fosen as circunstancias impostas, e que, malia todo, estaba obrigado a construírse a través da acción e do traballo”. Neste acto o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O conselleiro subliñou a importancia do congreso para verter luz sobre a figura de Paz Andrade, e agradeceu a colaboración da familia do intelectual. En especial do seu fillo Alfonso, “que traballou ata límites inimaxinables para que entre todos puidésemos facer que o ano de Paz Andrade fose lucido e luminoso”; labor que tamén agradeceu aos conferenciantes e asistentes a esta cita, que se celebrou en Pontevedra desde o día 13.
Asemade, Vázquez Abad amosou o seu agradecemento á Real Academia Galega, “entidade artífice da idea primixenia de todo canto neste ano levamos a cabo” en homenaxe a Paz Andrade. “Orgullosos nos sentimos todos e todas de que esta nosa institución centenaria contribúa, unha vez máis, a recuperar e pór en valor o herdo que nos foi legado”, rematou.
Paz Andrade desde distintas facetas
Ao longo das tres xornadas nas que se desenvolveu o congreso máis dunha vintena de especialistas analizaron a vida e obra de Valentín Paz Andrade, como xornalista, galeguista, empresario e poeta, entre outras facetas. Así mesmo, analizouse a presenza de autores galegos - Valle-Inclán, Castelao- e iberoamericanos na súa obra, a súa relación con Pontevedra, así como a transcendencia do seu labor hoxe en día.
Para iso, participaron nesta cita biógrafos do homenaxeado, como Tucho Calvo, Charo Portela ou Xan Carballa; especialistas da crítica literaria, como Ana Acuña, Xesús Alonso Montero ou Xosé Luís Axeitos e ensaístas da historia e da política, como Emilia García López, Xosé Manuel Beiras ou Xusto Beramendi, entre outras personalidades. O congreso pechouse coa actuación do Coro Tradicional Cantares do Brión, que interpretou Tríadas do vento no mar, de Valentín Paz Andrade, entre outras pezas.