Mañá haberá clases e só se suspenderan as actividades externas, por mor do temporal

O nivel laranxa afecta ao noroeste e oeste da Coruña e á Mariña luguesa

Xov, 13/12/2012 - 19:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén para mañá as clases en todos os centros da Comunidade Autónoma, aínda que a previsión dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por chuvias e ventos, que afectará ás zonas Noroeste e Oeste da Coruña e á zona da Mariña de Lugo, si que suporá a suspensión de actividades no exterior das instalacións educativas.

A consellería, que xa o comunicou á súa rede de centros, tamén advertiu ás empresas de transporte escolar da conveniencia de extremen ás súas precaucións tanto na ida como no regreso dos seus servizos aos escolares. Igualmente comunicou ás direccións de cada centro da necesidade de que permanezan atentos á información meteorolóxica subministrada, a través da páxina web do CAE 112 (www.axega112.org) “e extremar a vixilancia das condicións meteorolóxicas existentes na súa respectiva zona, por se as circunstancias da localidade chegarán a supoñer un risco superior ao declarado inicialmente”.