Cultura e Educación participa na resolución do VII concurso de Iniciativas Universitarias Stop accidentes, por unha mobilidade segura
A Consellería xunto coa Dirección Xeral de Tráfico e outras entidades organizou a convocatoria co obxectivo de sensibilizar aos universitarios sobre a necesidade de prever os accidentes
Os nomes dos gañadores daranse a coñecer nun acto que se realizará nas vindeiras semanas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou hoxe como xurado na resolución da VII concurso de Iniciativas Universitaria: Stop Accidentes, por unha mobilidade segura. Os nomes dos gañadores daranse a coñecer nun acto que se desenvolverá nas vindeiras semanas na Coruña.
Nesta edición presentáronse os traballos realizados polos universitarios que foron valorados polo o xurado reunido hoxe pola mañá en San Caetano e que estivo conformado por Díez de Castro; Henrique Costas González, vicerreitor da Universidade de Vigo, en representación do presidente do Tribunal; Ana Beltrán Marful, xefa da Oficinal Local de Tráfico de Santiago de Compostela; José Manuel Pan, xornalista de La Voz de Galicia; Jeanne Picard Mahaut, delegada de Stop Accidentes en Galicia.
O obxectivo deste concurso é sensibilizar ás mozas e mozos sobre a necesidade de prever os accidentes que representan unha das primeiras causas de mortalidade. Así, cómpre recordar que este galardón, dirixido a estudantes das universidades galegas e máis da UNED, ten como obxectivo desenvolver iniciativas, ideas ou proxectos de investigación con temas relacionados coa seguridade viaria. Á hora de escoller a mellor das propostas valorouse que puideran levarse a práctica para así intentar melloras as pautas cívico- viarias da xente nova.