Cultura e Educación presenta A Cidade de Cenoiro nunha nova aposta pola difusión do galego a través dos xoguetes
O xogo, realizado por Galileo Nenos, vai destinado a cativos de 3 a 6 anos e foi dado a coñecer pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no recente Culturgal 2012
O secretario xeral de Política Lingüística destacou ante os medios a importancia de ofrecerlles ás familias recursos que incentiven o xogo en galego nas primeiras idades
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentoulles hoxe aos medios de comunicación o xoguete educativo na nosa lingua A Cidade de Cenorio, realizado pola recentemente creada empresa galega Galileo Nenos.
García Gómez destacou a importancia de dotar as nais e pais galegos de recursos para transmitiren a nosa lingua propia nas primeiras idades, especialmente aqueles que permiten facelo dunha maneira lúdica, ligando a aprendizaxe do idioma ao lecer en familia, tal e como establecen as directrices do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Tamén valorou o feito de que os nenos galegofalantes poidan ter, coma calquera outro cativo, enredos na súa lingua e animou a outras marcas de xoguetes a ofrecerlles aos pequenos da nosa comunidade os seus produtos en galego.
A canda o secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación da Cidade de Cenorio Guido Leboroni, galego de adopción e creador da empresa Galileo Nenos.
A Cidade de Cenorio
A Cidade de Cenorio é un enredo electrónico dirixido a cativos de 3 a 6 anos, composto por un bolígrafo interactivo con luz e son que permite empregar tres xogos diferentes: o trenciño dos animais, o autobús dos nenos e o memoriza os cochiños. Estes xogos inclúen tamén elementos que facilitan a aprendizaxe do inglés a partir da lingua galega. Ademais, o xoguete vén acompañado un póster co abecedario galego.
O xoguete xa foi presentado ao público en xeral desde os máis cativos aos profesionais no Culturgal 2012 celebrado en Pontevedra a primeiros de decembro.
Recursos para as primeiras idades
O apoio á nacente empresa Galileo Nenos para crear xoguetes en galego forma parte dunha das liñas de actuación prioritarias da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a da transmisión interxeracional do galego. Con esta iniciativa, preténdese dotar as familias de ferramentas para introduciren a lingua propia de Galicia na comunicación familiar.
Outras iniciativas da Secretaría Xeral de Política Lingüística orientadas á transmisión familiar son os programas de dinamización lingüística Xeración dos Axóuxeres –dirixido a mulleres embarazadas-, Os Axóuxeres –para nenos de 0 a 3 anos- e FalaRedes –que inclúe actuacións para nenos e nenas.
Dinamización lingüística no Nadal
Por outra banda, a Rede de Dinamización Lingüística impulsada pola Xunta de Galicia para coordinar os esforzos a prol do galego das entidades locais e do propio goberno autónomo, está desenvolvendo unha campaña de Nadal que inclúe accións especificamente dirixidas aos nenos -como o reparto de modelos de cartas para os Reis Magos en galego- e outras orientadas a animar os consumidores a regalar agasallos na nosa lingua.
Na mesma liña, Política Lingüística apoia a campaña ConsumoGustos, do Foro Enrique Peinador, para promover o consumo de produtos etiquetados en galego.