A Xunta de Galicia di que a situación das universidades galegas nada ten que ver coas de Andalucía ou Cataluña

A Consellería lembra aos reitores que o financiamento público dos seus orzamentos subiu do 79% ao 81% dende o curso 2008-09

En Galicia os campus incrementaron o seu persoal, mentres baixou o numero de alumnos e mantiveron másteres con menos de 10 matriculados

Lun, 10/12/2012 - 18:49

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria non comparte o contido do documento “La Universidad, garantía de futuro”, subscrito polos reitores das universidades públicas de toda España, incluídos os tres galegos, por considerar que nel non ten cabida a situación claramente máis favorable do SUG.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad recorda que nos orzamentos da comunidade autónoma de Galicia o Plan de Financiamento do SUG garante uns niveis de financiamento que permiten a non diminución porcentual das achegas ás universidades, que neste exercicio percibirán 391,2 millóns de euros do tesouro autonómico. Deste xeito, non só mantense o financiamento do SUG, senón que para o 2012 incrementouse en 1,2 millóns con respecto ao ano 2011. De feito, dende o curso 2008-09 pasouse de financiar o 79% ao 81% dos seus orzamentos.

Mantemento do nivel de financiamento

Nese sentido, cómpre sinalar que nun contexto de grave dificultade económica e cun exercicio de contención de gasto por parte do sector público, as universidades galegas manteñen o seu nivel de financiamento con axustes moi inferiores a do resto das administración públicas. E aínda que o financiamento do SUG pasou dos 412 millóns do ano 2008 aos 391,2 millóns de euros no exercicio 2012, hai que dicir que esta redución, é moi inferior á porcentaxe na que se reducen os orzamentos da Xunta. Por conseguinte, nestes momentos as universidades non poden vivir de costas á realidade e teñen que facer un exercicio de austeridade e solidariedade co resto da sociedade da que forman parte, polo que non poden comportarse como un colectivo á marxe da sociedade que a sustenta. Nese sentido, a Consellería convida ás universidades a que reparen e analicen o feito de que cada vez captan menos recurso propios en matrículas, convenios, etc; menos recursos procedentes das Administracións central e europea, e menos recursos de fundacións e de empresas privadas.

En opinión da Consellería, as universidades galegas non teñen motivo ningún para subscribir o comunicado de Madrid. “Non hai máis que comparar a situación das universidades de Andalucia ou Cataluña ás que a administración autonómica respectiva debe grandes cantidades de diñeiro, mentres a Xuntade Galicia achega mensualmente os fondos pactados no seu día no Plan de Financiamento do SUG 2011-2015. Polo tanto, na subscrición do manifesto por parte dos reitores galegos non parece terse en conta que a sociedade galega, a través do goberno da Xunta, está a facer un esforzo apostando polas institucións universitarias, esforzo visible no mantemento do financiamento a niveis impensables para outros sectores. Para comprobalo non hai máis que comparar as porcentaxes de baixada dos orzamentos da Xunta destinados a outros sectores”.

Non se pode esquecer que mentres o resto do sector público leva anos afrontando unha política de contención de gasto, conxelando as contratacións e as ofertas de emprego, as universidades galegas continuaron a incrementar o seu persoal docente e de administración e servizos. Así, no ano 2010 as universidades galegas incrementaron en 473 as prazas de persoal de administración e servizos e en 779 as de docentes. E, por outra banda, neste curso 2012-13 mantiveron na oferta un total de 57 máster universitarios que contan con 10 ou menos alumnos matriculados.

Namentres, o número de universitarios descende progresivamente, de tal xeito que a ratio profesor/alumno no SUG situouse en 11 no curso 2009-2010, por debaixo da media española que estaba en 11,7 e moi inferior á media da OCDE e a UE que nese período acada valores de 15,5 e 15,2 alumnos/profesor respectivamente. Polo tanto parece evidente que contan cos medios suficientes para manter uns niveis de calidade mais que aceptable.

De todo o anteriormente exposto e do feito engadido de que a Xuntamantivo unha vez máis os prezos de matrícula entre os máis baixos de todo o Estado, conxelando os prezos das primeiras matrículas e incrementando na mínima porcentaxe permitida os prezos das segundas e seguintes, cómpre deducirse que os esforzos da Xunta de Galicia por manter o nivel de financiamento do SUG supoñen que, para o goberno galego, o ensino universitario xa é unha verdadeira inversión, tal e como reclama o manifesto dos reitores.