Cultura e Educación investirá máis de 5,5 millóns de euros para facilitar a incorporación de preto dun cento de investigadores á etapa predoutoral nas Universidades galegas
A Consellería vén de resolver a concesión de axudas do programa de apoio á contratación de estudantes para a súa formación como doutores, a segunda convocatoria destas características do Plan I2C
Galicia consolídase como referente no ámbito estatal, ao ser a primeira comunidade autónoma en impulsar liñas estratéxicas para a formación no marco dos campus de excelencia internacional: Campus Vida (USC) e Campus Mar (UVigo)
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria facilitará a incorporación de preto dun cento de investigadores á etapa predoutoral no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Para iso, o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de resolver a concesión de axudas do Programa de apoio á etapa predoutoral, no marco do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2012, pola que se destinarán máis de 5,5 millóns de euros para o financiamento de 99 contratos.
Trátase da segunda convocatoria destas características no marco do Plan I2C, e da primeira de España en impulsar liñas estratéxicas para a formación nos campus de excelencia internacional: Campus Vida (USC) e Campus Mar (UVigo). Así, Galicia convértese nun referente no ámbito estatal, como comunidade autónoma pioneira na adaptación dos procesos formativos ás áreas con maior proxección e relevancia para a nosa comunidade.
Aposta pola I+D+i en tempos de crise
Estas axudas constitúen unha aposta da Xunta de Galicia polos recursos humanos ligados á I+D+i, fomentando que a formación de doutores nos centros do SUG, co obxectivo de que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. Esta etapa constitúe ademais a base para que mediante a execución dun proxecto de investigación se adquiran as habilidades propias do persoal investigador.
Malia á crise económica, a Consellería de Cultura e Educación mantivo para 2012 o mesmo número de axudas da convocatoria do ano anterior. Neste sentido cómpre salientar tamén o esforzo das universidades galegas, que colaboran financiando un 20% dos custos das modalidades de especialización en Campus Mar e Campus Vida.
Descrición e avaliación do programa
Ao abeiro desta resolución a Consellería financiará un máximo de 99 contratos, 75 deles na modalidade de axudas de apoio á etapa predoutoral de carácter xeral e 12 para as modalidades correspondentes a cada un dos respectivos campus de excelencia.
Na modalidade xeral a Universidade de Santiago de Compostela obtivo 39 axudas, a Universidade da Coruña 16 e a Universidade de Vigo 20. No caso das bolsas destinadas á formación de doutores no Campus Mar, 2 foron concedidas á USC, 3 á UDC e 7 á UVigo; mentres que as axudas para quen se formen no Campus Vida corresponderon a 11 estudantes da USC e a 1 da UDC.
A convocatoria foi todo un éxito pola constancia no programa e as melloras introducidas, o que motivou que nesta anualidade se presentasen o triplo de solicitudes (case 700) que o ano pasado, co que queda de manifesto a súa vixencia e puxanza na actualidade. Cómpre ademais salientar a excelente acollida que tiveron as modalidades de especialización en Campus Mar e Campus Vida que se introduciron por vez primeira na convocatoria do 2012.