O secretario xeral de Cultura asiste á nova charla-audición sobre música contemporánea de ‘Protocolos de Escoita’

A Gallería Lilliput, Vertixe Sonora Ensemble e Versus Librería promoven este espazo de reflexión arredor da música contemporánea que ten entre os seus obxectivos a formación de novos públicos

Mér, 05/12/2012 - 20:45

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu esta tarde en Vigo a unha nova sesión da Protocolos de Escoita, un espazo para a reflexión no ámbito da música contemporánea impulsado pola Galería Lilliput, Vertixe Sonora Ensemble e Versus Librería. O local desta última acolleu a terceira das cinco charlas-audicións de Protocolos de Escoita, unha iniciativa que proporciona uns contextos de audición que nos ofrecen a oportunidade de nos achegar ás estreas de música contemporánea.

Ademais de contribuír á formación de novos públicos, Protocolos de Escoita introduce no formato de charla breve algúns dos conceptos clave da música de creación. Os encontros compleméntanse con propostas de bibliografía básica e mais con roteiros de escoita que lles permitirán aos participantes ampliar o seu encontro coa arte musical.

O musicólogo Emilio Lede é o encargado de realizar nestas charlas-audición un percorrido pola historia da música co fin de presentar algunhas das claves que configuran a creación musical de todos os tempos. O tema central desta tarde foi a modernidade e a tradición. As próximas sesións, que terán lugar o 17 de xaneiro e o 7 de febreiro, preséntanse baixo os títulos de Entrar e saír de darmstadt e Música instrumental nun entorno tecnolóxico multimedia, respectivamente.

Menús News node R

Tema