A Consellería de Cultura e Educación forma a docentes para o desenvolvemento do Plan Proxecta, a súa nova iniciativa para a innovación educativa

Máis de 400 profesoras e profesores reúnense hoxe en Culleredo para consolidar o arranque deste plan de innovación educativa en 324 centros educativos galegos

Sáb, 01/12/2012 - 10:30
A Consellería de Cultura e Educación forma a docentes para o desenvolvemento do
A Consellería de Cultura e Educación forma a docentes para o desenvolvemento do Plan Proxecta, a súa nova iniciativa para a innovación educativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne hoxe no IES Universidade Laboral (Culleredo, A Coruña) a máis de 400 docentes implicados no Plan Proxecta, que funcionará por primeira vez este curso 2012/2013, no marco da aposta pola innovación educativa que a Consellería vén desenvolvendo. O obxectivo principal desta nova iniciativa é establecer un marco xeral de colaboración entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia que dispoñen de programas dirixidos aos centros educativos. A través do Proxecta, búscase fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, así como integrar estes programas na planificación anual dos centros.

A xornada de formación inicial de hoxe, que foi inaugurada polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; busca crear unha rede de traballo colaborativo e interdisciplinar a prol da innovación e a mellora educativa. Trátase dunha actividade coa que a Consellería, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), quere consolidar o arranque deste Plan Proxecta nos centros de ensino de Galicia, establecendo pautas comúns de funcionamento e propiciando a creación dun espazo de debate e intercambio de opinións para todos os implicados no seu desenvolvemento.

Colaboración e participación

Trátase dun total de 18 programas externos ao sistema educativo cos que se procura a innovación e a mellora do ensino en colexios e institutos galegos, fomentando ao tempo as dinámicas participativas, activas e colaborativas entre os 3.826 profesores e profesoras participantes. Estas iniciativas encádranse en torno a 3 liñas estratéxicas: o desenvolvemento transversal dos valores básicos para a vida e a convivencia, o das competencias básicas, e o uso de estratexias metodolóxicas comúns centradas en prácticas activas e cooperativas organizadas arredor dun proxecto interdisciplinar integrado nas programacións de aula e de centro.

No actual curso 2012/2013 participarán no Plan 324 colexios e institutos públicos galegos, que levarán a cabo 747 proxectos integrados nos 18 programas ofertados en cooperación con 6 consellerías: a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (‘Axenda 21 Escolar de Galicia’, ‘12 Meses, 12 Paisaxes’, ‘Climántica’, ‘Meteoescolas’, ‘Terra’, ‘Recíclate con Sogama’ e ‘Ríos’), a do Medio Rural e do Mar (Distribución de froitas aos centros escolares), a de Economía e Industria (‘Consumópolis’ e ‘Galicons-net’), a de Sanidade (‘Clases sen fume’ e ‘Salvavidas’), a de Traballo e Benestar (‘Quérote +’, ‘Parlamento Xove’ e ‘Rede de Centros Escolares Solidarios’), e a Secretaría Xeral para o Deporte (‘XOGADE’, ‘Deportivo de Centro’ e ‘Máis e Mellor Actividade Física’).

Apoio aos docentes

A xornada de hoxe é un apoio que a Consellería presta aos docentes implicados neste Plan Proxecta, que son, pola súa vontade de continuaren a formarse, o piar fundamental para a innovación e a mellora do sistema educativo galego.

Durante as 8 horas de duración da xornada presentaranse as liñas xerais de actuación do plan, e ofreceranse 13 obradoiros simultáneos onde se darán a coñecer cada un dos 18 programas participantes, acompañados de proxectos en acción. Estas experiencias de aula servirán de modelo ao profesorado para poñer en marcha as súas iniciativas específicasnos centros. O evento rematará cunha conferencia a cargo do profesor Fernando Trujillo, que ofrecerá unha visión de conxunto sobre os obxectivos e as liñas estratéxicas do Plan Proxecta, facendo propostas motivadoras de traballo colaborativo.