A Xunta de Galicia continúa a capacitar o persoal público en linguaxe administrativa e xurídica galegas
Unha quenda de 172 alumnos/as das administracións local e de xustiza realizan hoxe na EGAP as probas finais dos cursos de teleformación
Entre os meses de setembro e decembro participaron nesta formación en liña un total de 630 persoas
A Xunta de Galicia -por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Dirección Xeral de Xustiza, da Dirección Xeral de Administración Local e mais da Escola Galega de Administración Pública (EGAP)- está a desenvolver desde setembro ata decembro 21 cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica, nos que participan 630 alumnos/as, que teñen como obxectivo seguir capacitando en lingua galega o persoal ao servizo das administracións públicas.
Hoxe ten lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela a segunda quenda de exames finais dos cursos de teleformación, na que 172 alumnos/as que obtiveron o dereito a exame realizarán unha proba escrita e mais unha proba oral. Trátase do alumnado da Administración local que participou en catro cursos de linguaxe administrativa de nivel medio e tres cursos de linguaxe administrativa de nivel superior. Tamén participa nestas probas o alumnado da Administración de xustiza que realizou o primeiro curso en liña de linguaxe xurídica de nivel superior.
O pasado sábado 17 examinouse o alumnado dos cinco primeiros cursos en liña de linguaxe administrativa de nivel superior, un total de 122 traballadores da Administración autonómica. Por outra banda, o vindeiro día 15 de decembro desenvolverase a derradeira quenda de exames deste ano co alumnado das administracións local e autonómica que obteña o dereito a participar nas probas finais de 8 cursos en liña de nivel medio e superior que están a desenvolverse nestes momentos tanto na plataforma moodle da EGAP coma en Platega, a Plataforma de Teleformación Galega da titularidade do departamento dirixido, en funcións, polo conselleiro Vázquez Abad.
Desenvolvemento das probas
O alumnado que participa nesta formación en liña de 75 horas de duración, ademais do traballo na plataforma virtual debe realizar un exame final presencial integrado por dúas partes, unha escrita e outra oral.
A proba escrita, que ten unha duración máxima de dúas horas, consta de dous exercicios: un de mellora dun documento ou de parágrafos administrativos e outro de corrección de enunciados. Pola contra, a proba oral é individual e ten lugar a continuación da proba escrita.
Primeiros cursos de linguaxes específicas en liña de nivel superior
A Xunta de Galicia puxo en marcha neste ano 2012 os primeiros cursos en liña de linguaxe administrativa e de linguaxe xurídica de nivel superior que, ao igual ca os cursos de nivel medio postos en marcha no ano 2011, inciden no obxectivo de contribuír a enriquecer o valor profesional do persoal ao servizo da Administración galega e, ao tempo, ser útil para impulsar o uso da lingua propia de xeito eficaz e correcto.
Os cursos en liña de linguaxes específicas en galego conforman, canda os cursos preparatorios e as probas Celga, o Plan de formación en galego 2012 impulsado desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, no que se aposta polo emprego das tecnoloxías da información e da comunicación para darlles resposta ás necesidades de formación en galego da sociedade actual.