O conselleiro de Cultura e Educación en funcións felicita ao IES de Sabón pola obtención do premio da Fundación Telefónica de innovación educativa
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe este centro, que obtivo un dos primeiros premios deste certame
Docentes do IES de Porto do Son, CEIP Manuel Sieiro, EEI de Milladoiro e Colexio Luís Vives resultaron tamén galardoados nesta edición dos premios
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, felicitou hoxe en persoa á comunidade educativa do IES de Sabón (Arteixo, A Coruña) pola obtención dun dos primeiros premios concedidos pola Fundación Telefónica á innovación educativa. Durante a súa visita a este instituto estivo acompañado pola directora, Mª Isabel Pardo, pola delegada da Xunta en funcións na Coruña, Camino Triguero; polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana; e polo director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso; Vázquez Abad salientou este recoñecemento como un impulso ao labor que docentes, alumnas e alumnos realizan a prol da busca de novas fórmulas metodolóxicas e didácticas arredor da práctica educativa e as novas tecnoloxías da información e a comunicación.
O IES de Sabón resultou gañador do primeiro premio na categoría de 15 a 17 anos da modalidade B destes galardóns, a dirixida a traballos que responden ao uso pedagóxico de realizar tarefas de exercitación e práctica a partir de recursos interactivos dixitais. A viaxe de Alicia con e-adventure: coñece a túa cidade é un proxecto dirixido polos docentes Sonia Vivero Nogueiras, Pilar Martínez Souto e Agapito Muñíz Sánchez; no que o xogador axuda á personaxe da aventura gráfica a voltar á casa explorando distintos escenarios da localidade da Coruña en distintas épocas, ao tempo fai unha viaxe paralela pola mitoloxía, arte, toponimia, xeografía e historia da zona. O xurado do premio salientou este traballo como unha proposta innovadora, motivadora e orixinal, no que combinan acertadamente a tecnoloxía e os obxectivos e metodoloxía didáctica. O proxecto pode atoparse no enlace web: http://jordipereda.com/alicia/alicia.htm .
Ademais do IES de Sabón, neste certame foron premiados proxectos nos que participaron os o IES de Porto do Son, o CEIP Manuel Sieiro, a EEI de Milladoiro e o Colexio Luís Vives.
Visita ao IES
O titular en funcións do departamento educativo da Xunta de Galicia aproveitou a súa estancia no centro para coñecer as instalacións nas que estudan o seus 243 alumnas e alumnos, e que a Consellería vén de mellorar coa construción durante o verán dunha rampla, o que supuxo un investimento de preto de 10.000 euros.
Ademais, Vázquez Abad felicitou á comunidade educativa do centro polo traballo realizado na biblioteca escolar para fomentar o seu uso como espazo de lectura, aprendizaxe e investigación por parte do alumnado. De feito, o centro ten recibido 20.150 euros para o desenvolvemento de actividades, entre as que destacan os clubs de lectura. O bo facer deste instituto neste eido viuse recoñecido este mesmo curso, coa súa integración no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería.
Tras o seu paso por este centro, o conselleiro en funcións visitou, no mesmo concellom as instalacións dos CEIP Ponte dos Brozos e CEIP de Arteixo.
Outras galardóns á innovación educativa
Os galardóns da Fundación Telefónica recoñeceron tamén o traballo de outros centros educativos galegos a prol da innovación educativa. Así, o MarinoFeQ, realizado por Francisco Mariño Domínguez, profesor do IES Porto do Son, resultou gañador do terceiro premio na modalidade A, dirixida a traballos que responden ao uso pedagóxico de dar soporte á clase a partir de recursos dixitais de 15 a 17 anos. Trátase dunha páxina para a integración das TIC no ensino da Física e Química en secundaria, que destaca pola súa fácil navegabilidade e accesabilidade, así como pola multitude de recursos, ferramentas, e material multimedia e colaborativo que ofrece.
Ilusionarte coas TIC é un blogue realizado por Concepción Villar Suárez, da EEI de Milladoiro, que obtivo o segundo premio na modalidade C, de traballos dirixidos a alumnado de 3 a 8 anos, que responden ao uso pedagóxico de realizar produccións en pequeno grupo a partir de recursos dixitais. O blogue recolle as actividades que realizan as alumnas e alumnos do segundo ciclo de infantil na actividade de Linguaxe Audiovisual e Novas Tecnoloxías: debuxos, fotografías, vídeos, música, programas de radio... Ademais, queda patente a implicación das familias e o traballo en colaboración con escritores e compañeiros de outros colexios.
O proxecto que acadou o segundo premio na modalidade D, de traballos que responden ao uso pedagóxico en proxectos interescolares na aula de 3 a 8 anos, é froito da colaboración entre o CEIP Manuel Sieiro, a EEI de Milladoiro e o Colexio Luís Vives, coordinado polas docentes Patricia Doval Rodríguez, Concepción Villar Suárez e Belén Rodríguez González. Proxecta con nós ten como obxectivo crear unha curta sobre a conservación do medio ambiente, dando a coñecer o morcego como especie animal favorecedora da conservación dos ecosistemas. Neste caso o xurado salientou a coordinación entre os centros, así como a participación activa das alumnas e alumnos en todas as fases do traballo.