A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración do XXV Congreso de ENCIGA que se celebra en Santiago

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa destacou que “este encontro confírmase como cita obrigada para os profesores de ciencias”

No encontro, que se celebrará ata o sábado reuniranse ata 300 docentes relacionados co mundo das ciencias

Xov, 22/11/2012 - 21:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou hoxe pola tarde na inauguración do XXV congreso da Asociación de Ensinantes da Ciencia en Galicia (Enciga) que se celebra en Santiago ata este sábado 24 de novembro tanto no IES Xelmírez I e a Facultade de Químicas da USC, no campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela.

No acto de apertura do encontro o director xeral destacou que este congreso “confírmase como cita obrigada para un colectivo responsable de profesores e profesoras de Ciencias que atopan nel non só unha oportunidade formativa, senón tamén a ocasión perfecta para intercambiar experiencias e coñecementos”. Ao que engadiu que “Por iso quero agradecer a ENCIGA o seu esforzo por poñer en valor a importancia da ciencia no desenvolvemento económico e no benestar dunha sociedade como a nosa; por promover o recoñecemento social destas actividades, así como un achegamento ao traballo científico e ás profesións relacionadas coa ciencia”.

Respecto da importancia da ciencia na educación Manuel Corredoira sinalou que “a preparación é fundamental para o noso profesorado. Non hai mellor exemplo para o noso alumnado que uns docentes comprometidos por avanzar e enriquecerse para así poder garantir a excelencia na súa educación, tan necesaria para o mercado laboral do século XXI” e afirmou que “a ciencia contribúe á formación e o desenvolvemento da persoa a título individual, pero tamén como membro da sociedade na que transcorre a súa vida; e proporciona ao alumnado unha cultura científica básica coa que entender mellor o mundo no que se desenvolve”.

O congreso

No encontro, no que se congregarán ata 300 docentes relacionados co mundo das ciencias desenvolveranse as máis diversas actividades, desde mostras cos traballos de distintos profesionais ata comunicacións e obradoiros. Actividades, todas elas, nas que se darán conta dos distintos puntos de vista científicos de docentes tanto da comunidade galega como do resto e de Portugal, tanto de mestres de institutos como de universidades.

Menús News node R