O conselleiro de Cultura e Educación en funcións inaugura o encontro Programas europeos, o contexto actual 2012-2013

Xesús Vázquez Abad deu a benvida aos preto de 200 profesores procedentes de toda Galicia que hoxe e maña se dan cita na Egap, en Santiago

Ven, 16/11/2012 - 17:47
Xesús Vázquez Abad na inauguración das xornadas sobre programas europeos Autor:
Xesús Vázquez Abad na inauguración das xornadas sobre programas europeos Autor: Ana

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe o encontro Programas europeos, o contexto actual 2012-2013 que se celebra ata maña na Escola Galega da Administración Pública.

Durante a súa intervención o conselleiro dirixiuse aos preto de 200 profesores procedentes de toda Galicia que asisten a este encontro e recordou que “os programas europeos obxecto de análise deste encontro son un factor clave para avanzar cara unha mellora do sistema educativo galego, xa que o seu obxectivo xeral é facilitar o intercambio, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas de educación e formación dos diferentes países participantes”.

Asemade Vázquez Abad destacou que “como ben saben, o máis importante destes programas é o PAP -Programa de Aprendizaxe Permanente, que naceu no ano 2007, herdeiro do espírito dos seus predecesores, como o Sócrates, o Leonardo ou o Arión, entre outros. O seu ambicioso obxectivo é contribuír á creación dunha sociedade do coñecemento avanzada e desenvolver máis e mellores posibilidades de emprego, logrando así unha maior cohesión social. Está previsto que, en dous anos máis, o PAP remate a súa andadura. Entonces, e durante o sexenio seguinte, porase en marcha outro programa, adaptado ás novas necesidades educativas e formativas europeas: Erasmus for All, que aglutinará todos os programas previos”, ao tempo que engadiu que “estes programas fomentan a mobilidade entre o alumnado e o profesorado dos diferentes países europeos, o que redunda na mellora das súas competencias persoais, sociais e profesionais, favorece a inserción laboral do alumnado e contribúe á promoción da aprendizaxe ao longo da vida, potenciando unha maior participación na educación das persoas adultas”.

No acto de inauguración acompañaron ao conselleiro o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral deste departamento, Manuel Vila; o asesor TIC do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), Ángel Sebastián Junquera; o xefe territorial de Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana e a asesora de programas europeos, Blanca Fraga, entre outros.

Os programas

Estas xornadas teñen como obxectivo informar sobre os programas europeos como factor clave no avance para una mellora no sistema educativo galego. Así cómpre recordar que as convocatorias de programas europeos buscan a optimización dos recursos xa existentes, organizados dun xeito eficaz e como vía de apoio e recoñecemento tanto ao profesorado como aos centros que poñen en práctica unha ou varias das accións que os conforman.

Cómpre recordar que oprograma Comenius vai dirixido á Educación escolar e contempla accións de centro e individuais para alumnado e profesorado de todos os niveis  educativos, especialmente Infantil, Primaria e ESO, do mesmo xeito que o programa Erasmus esta enfocado aos estudantes universitarios,, de Formación Profesional Superior e aos das Ensinanzas Artísticas e Deportivas. Pola súa banda o Leonardo da Vinci comprende accións dirixidas a alumnado e profesorado en FP inicial, postitulados e profesionais da FP.

Do mesmo xeito o programa Grundtvig ten o seu obxectivo na Educación de Adultos; o transversal substánciase en visitas de estudos para profesionais con responsabilidades en educación, e o ETwinning naceu como medida de acompañamento do Comenius.

As xornadas

Así ao longo da xornada de hoxe a directora da división Comenius Grundtvig, Ana Carmen del Canto Nieto, será a responsable do relatorio O Programa de Aprendizaxe Permanente (PAP), e o día rematará coa intervención de Beatriz Tourón coordinadora de Programas Europeos do IES A Sangriña (A Guarda), que falará das asociacións no marco do PAP.

Para o sábado están programadas diversas intervencións de representantes de centros educativos galegos e da Universitat Politécnica de Valencia. Todos eles falaran sobre a relación dos PAP coa Formación Profesional, e os programas para adultos, entre outros.

O encontro rematará cunha serie de obradoiros que se realizaran de xeito simultáneo e nos que intervirá Marta Ares, xefa de estudos da EOI de Vigo, falando do Modelo de implantación de Portfolio nun centro: EOI de Vigo; Isabel Tolosana, do servizo nacional de apoio eTwinning- INTEF, falará do eTwinnig. Pola súa banda Beatriz Touron tratará a Xestión de asociacións; Milagros Trigo, directora do centro plurilingüe O Cruce (Cerceda), presentará un caso práctico de centro con Programas Europeos; Juan Carlos García, do IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, falará da Mobilidade de alumnado comenius MAC e por último Asunción Gónzalez, do CIFP Valentín Paz Andrade, o fará sobre a Xestión das accións de FP.