A Deputación de Lugo e Política Lingüística amosan o seu interese por colaborar na promoción da lingua galega

Xosé Antón Bao e Anxo Lorenzo reuníronse hoxe na cidade da muralla para establecer as bases dun labor conxunto que fomente o uso do galego

Lun, 03/05/2010 - 14:55

A Deputación Provincial de Lugo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciaron hoxe os primeiros contactos para establecer unha  colaboración na promoción do uso da lingua galega desde o ámbito local. Nunha reunión mantida na sede da deputación lucense, o vicepresidente primeiro desta entidade, Xosé Antón Bao, e mais o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, intercambiaron puntos de vista para definir as bases dun traballo conxunto a prol da dinamización do galego.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación de Lugo e o secretario xeral amosaron o seu interese por establecer un convenio de colaboración entre ambas as entidades que teña por obxecto a realización de actividades de formación en galego e mais de dinamización lingüística que impulsen e promovan o coñecemento e o uso do galego entre a cidadanía.

Durante a reunión, Anxo Lorenzo tamén lle presentou a Antón Bao as principais características da Rede de dinamización lingüística, un proxecto que está a impulsar a secretaría xeral e que incide nesta liña de promoción do uso do galego desde o ámbito local. Este iniciativa, que constitúe un punto de encontro para o traballo conxunto en materia de dinamización lingüística entre a Administración autonómica e a local, permitirá promover o intercambio de experiencias, para sumar esforzos e para evitar a duplicidade de tarefas semellantes entre as diferentes administracións e as organizacións que actúan na promoción do uso do galego.

A promoción do galego no ámbito local, un obxectivo prioritario

A Administración local constitúe unha vía prioritaria para fomentar o uso da lingua galega, por iso a intención da Secretaría Xeral de Política Lingüística é traballar conxuntamente coas entidades deste ámbito. Co fin de avanzar neste obxectivo, Anxo Lorenzo reuniuse nas últimas semanas cos representantes das catro deputacións provinciais.

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo tamén organizou a semana pasada unha xornada formativa dirixida a todos os concellos galegos sobre a nova convocatoria de axudas a entidades locais para promover o uso da lingua galega. A orde de subvencións, que conta cun orzamento de 602.668 euros, ten por obxecto fomentar a prestación dun servizo lingüístico nos concellos e o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.

Menús News node R

Departamento