"Retrato da xeración de 1950" faise co premio de ensaio Ramón Piñeiro, que convocan Política Lingüística e a editorial Galaxia
O traballo galardoado, do sociólogo Manuel Pérez Rúa, destacou pola súa orixinalidade tanto no tema como no enfoque
O Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, que convocan a Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Unión Fenosa, recaeu este ano na obra Retrato da xeración de 1950. Microhistoria do cambio social na Galicia contemporánea, de Manuel Pérez Rúa. Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa o director de Galaxia, Víctor Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que estiveron acompañados polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González; a responsable de comunicación de Gas Natural-Unión Fenosa en Galicia, Amalia Baltar; o propio galardoado, Manuel Pérez Rúa; e varios membros do xurado: Henrique Monteagudo, Bieito Silva, Carlos González Lema e Luís Alonso Girgado.
O xurado valorou moi especialmente da obra premiada a orixinalidade tanto do tema como do seu enfoque. Neste sentido, indicaron que "a idea de facer un ensaio a base de testemuños directos, o que entendemos por historia oral, lle outorga ao texto unha importante dose de credibilidade". Así mesmo, o xurado destacou o tema da obra polo seu achegamento a "unha xeración que vive ao longo da súa vida cambios tan importantes como o paso da ditadura do franquismo á democracia e a modernización da sociedade".
Durante a súa intervención, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recoñeceu a importancia do labor da Editorial Galaxia e mais do patrocinio de Gas Natural-Unión Fenosa na consolidación do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, que impulsa "un dos xéneros da produción escrita en galego que máis apoio necesita", dixo o responsable da secretaría xeral. Pola súa parte, Víctor Freixanes fixo un repaso pola historia do premio, que naceu, segundo dixo, como "unha contribución ao ensaio", xénero esencial na fundación da Editorial Galaxia. Pola súa parte, o autor da obra, Manuel Pérez Rúa, falou do libro como "unha maneira de entender o cambio social" que se produciu nas últimas décadas no que se fai unha comparativa xeracional a través de trinta entrevistas. Neste sentido, o premiado considerou a obra "un álbum ilustrado con voces", unha forma de "ilustrar o cambio dándolle voz aos participantes".
O autor
O autor da obra gañadora da oitava edición do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro é natural de Moaña, localidade na que naceu en 1956. Ex traballador de Ascón, Manuel Pérez Rúa é sociólogo e técnico de cultura no seu concello natal. Entre as obras que publicou atópanse os libros Moaña (Ir Indo) e, xunto con Daniel Romero, Galicia S. L. (Xerais). Ademais, colabora habitualmente en estudos de cultura e territorio coas universidades de Vigo e Santiago de Compostela.
Contribuír á difusión do ensaio breve en galego
Este premio, que naceu na honra do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro López, ten como obxectivo prioritario contribuír á difusión do ensaio breve escrito en lingua galega, un xénero que ao que o escritor de Láncara fixo importantes contribucións.
A obra gañadora do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro recibe unha contía de 6.000 euros. O tema dos ensaios que poden optar a este galardón, que deben ser inéditos e estar escritos en galego, é libre, malia que as bases polas que se rexe a convocatoria sinalan que na medida do posible os traballos deben evitar enfoques propios da investigación especializada ou un excesivo carácter académico.
A submisión das masas. Do poder do progreso ó progreso do poder, de Basilio Lourenço; Tempo de vinganza, de Anxo A. Rei Ballesteros; A terra quere pobo, de Xosé Luís Barreiro Rivas; Outro idioma é posible, de Teresa Moure; ou O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo, de Rebeca Baceirado, foron algúns dos títulos premiados nas pasadas edicións.