A Xunta de Galicia pacta coas tres universidades galegas as convocatorias para a contratación de profesorado laboral

O Goberno galego volve dar mostra do seu compromiso co ensino universitario, manifestado no esforzo realizado para atender as necesidades de capital humano das universidades.

O diálogo establecido nas últimas semanas permite o encaixe co novo marco legal que xorden tras as modificacións da normativa estatal.

Ven, 02/11/2012 - 12:21

O diálogo establecido a través de diferentes xuntanzas entre os representantes da Xunta de Galicia e as tres universidades do Sistema Universitario de Galicia permitiron chegar a un pacto para establecer as bases para determinar os límites de prazas de persoal laboral fixo que se convocarán para o presente ano. Así mesmo, a Xunta ten previsto retomar nas vindeiras semanas -paralelamente á elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma para 2013- os contactos para determinar as posibilidades de convocatorias para este tipo de persoal no vindeiro ano, considerando a especificidade que presenta o persoal no eido da investigación universitaria.

Desta forma, a Xunta volve dar mostra do seu compromiso co ensino universitario, manifestado no esforzo realizado para chegar a puntos de entendemento coas universidades co fin de acadar solucións perante o novo marco legal deseñado polas modificacións realizadas na normativa básica estatal. De feito, as bases de convocatoria pactadas son o resultado de decisións nas que prevaleceu a consolidación da función investigadora, ao tempo que se acadaba o encaixe na normativa vixente.

Cambio da normativa

Cómpre lembrar que as modificacións introducidas na normativa básica estatal obrigan a consensuar coa administración autonómica as prazas de persoal laboral que se queiran convocar. Ademais, determínase que a convocatoria de prazas de persoal funcionario requirirán de autorización previa do Ministerio de Hacienda.

Esta normativa, de obrigado cumprimento en materia de oferta de emprego público, adóptase en aras de garantir a estabilidade orzamentaria e a sustentabilidade financeira das institucións públicas nestes momentos de dificultade económica.

Puntos de encontro

Desde esta perspectiva e, a Xunta de Galicia estudou as propostas presentadas polas tres universidades galegas, acadando puntos de encontro que, dentro do respecto ao marco legal e baixo o criterio de igual trato a cada entidade, permitan atender as necesidades de capital humano das universidades.

O pacto coas universidades da Coruña e Vigo acadouse nos primeiros días de outubro. O proceso coa Universidade de Santiago de Compostela, que rematou hai uns días, alongouse un pouco máis polas características singulares dos seus concursos.

En calquera caso, a Xunta de Galicia considérase satisfeita por ter chegado, unha vez máis a través do diálogo, a puntos de encontro coas universidades do SUG, co fin de acadar que o ensino universitario se vexa afectado o menos posible pola crise económica.