Vázquez Abad visita as instalacións da nova biblioteca do CEIP Princesa de España, en Verín
O conselleiro de Cultura e Educación en funcións destacou a importancia destes espazos para fomentar entre o alumnado a investigación e a lectura
A Consellería leva achegados 17.150 euros a esta biblioteca
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as novas instalacións da biblioteca do CEIP Princesa de España de Verín, co gallo da súa inauguración tras a ampliación realizada, da que se benefician os 269 estudantes do centro. Cómpre salientar que a Consellería ten achegado a esta biblioteca 17.150 euros a esta biblioteca, tanto para a adquisición de fondos como para contribuír á súa ampliación.
Durante o seu percorrido pola biblioteca, no que estivo acompañado pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; Vázquez Abad destacou a importancia das bibliotecas escolares para fomentar entre o alumnado a lectura e a investigación, de xeito transversal en todo o currículo educativo. Neste sentido valorou o traballo que os docentes están a desenvolver para por en marcha novas metodoloxías didácticas que impulsen o uso dos diferentes recursos das bibliotecas en cada unha das materias. De feito, esta biblioteca conta con arredor de 5.000 exemplares e 4 ordenadores, e ten previsto adquirir outros 2 computadores máis.
O conselleiro en funcións recordou tamén que este centro está a traballar con tres kits de aula dixital, coas que o departamento educativo da Xunta de Galicia dotou ao CEIP para que o seu alumnado desenvolva as súas competencias no uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).
Contrato-programa
Así mesmo, Vázquez Abad salientou o esforzo realizado polo CEIP Princesa de España para poñer en marcha iniciativas para o apoio e reforzo educativo, impulsadas pola Consellería a través do contrato-programa asinado co centro. No marco deste contrato-programa – que xa teñen solicitado continuar e ampliar para este curso-, o colexio desenvolveu un programa de reforzo, orientación e apoio, na modalidade de acompañamento para realizar a atención educativa de 3 grupos de alumnos de 2º e 3º ciclo de primaria, do que se beneficiaron 32 alumnos en total. Cómpre sinalar que a iniciativa superou incluso as súas expectativas iniciais, coa mellora dos resultados académicos de, polo menos, un 59% de alumnos destes grupos.
O conselleiro en funcións felicitou ao centro polos resultados acadados, e animounos a continuar traballando nesta liña. “Estamos a falar- dixo- dun programa que foi elaborado polo propio centro, en base a unha análise das súas debilidades e fortalezas. É ese o camiño que debemos seguir, apoiando desde a Administración aos centros educativos, que son quen mellor coñecen as súas propias necesidades e detectan as posibles solucións para a mellora do éxito escolar, que é, en definitiva, o obxectivo de todos”.