O secretario xeral de Universidades participa na Coruña na apertura do II Seminario de Formación de Avaliadores da ACSUG

José Alberto Díez de Castro destacou a necesidade de afondar na cultura da avaliación no encontro

Lun, 29/10/2012 - 12:15
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, na inauguració
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, na inauguración do II seminario de formación de avaliadores da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou na inauguración do II seminario de formación de avaliadores da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego que se celebra na Coruña.

No acto de apertura tamén estiveron presentes o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto; o vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio E. Abalde; e a presidenta e o director da ACSUG, Patrocinio Morrondo e José Eduardo López Pereira, respectivamente.

Cultura de avaliación

Durante a súa intervención o secretario xeral de Universidades destacou que “a Consellería aposta pola cultura da avaliación, porque a través dela non só se pode medir, senón que ademais se pode mellorar”.

O representante da Consellería sinalou que “vivimos na era da avaliación. Esta nova cultura baséase en dous principios: O que non se avalía, devalúase, e só o que se pode medir, pódese mellorar”, sinalou. Neste sentido, o secretario xeral de Universidades apostou por empregar o resultado das probas obxectivas de avaliación “para reflexionar e buscar melloras en actitudes, procedementos e metodoloxías para o seguinte curso académico. Nun proceso sen fin de mellora como representa sempre a procura da excelencia. Concepto sempre en constante movemento, sempre inalcanzable”.

Para mellorar a avaliación, “un proceso global, que afecta a todos os membros de calquera organización” salientou a necesidade dunha adecuada formación, “unha comprensión dos mecanismos e criterios que levan a formular calquera diagnóstico, recomendación ou conclusión a un avaliador”. Así sinalou “a importancia deste tipo de actividades formativas. Durante este seminario todos vostedes analizarán as evidencias que permitirán sustentar un xuízo reflexivo, ordenado e consensuado”.

Formación para a avaliación

Docentes e alumnado da universidade da Coruña e profesionais dos diferentes sectores empresariais galegos, reuniranse hoxe e maña neste seminario para reflexionar sobre a situación actual da universidade en España e os novos retos que ten que asumir, relacionados coa internacionalización ou a implantación de novas titulacións.

Ademais, o seminario ten entre os seus obxectivos fomentar a participación de académicos, profesionais e estudantes nos procedementos de avaliación da calidade que, tanto a nivel internacional como nacional, desenvolven axencias como a ACSUG. De feito, é moi habitual que se demande a participación destes colectivos nestes procesos de avaliación externa das ensinanzas e do seu profesorado, polo que se fai necesario formar colectivos que os coñezan e os dominen.

Para iso, ao longo das catro xornadas nas que se desenvolve o seminario celebraranse mesas redondas e impartiranse relatorios arredor dos procesos de avaliación, de acreditación de profesorado ou de verificación, modificación e seguimento de títulos oficiais, entre outros.

Menús News node R