A Consellería de Cultura e Educación e o distrito polaco de Bedzin impulsan os intercambios educativos no marco do Programa europeo Comenius Regio
Unha delegación de 12 participantes deste proxecto de estudos visitou Galicia esta semana
Na iniciativa participan o CEIP Froebel, o IES A Xunqueira II, de Pontevedra; e o EFL Don Bosco, de Santiago de Compostela
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibiu esta semana a visita de 12 dos participantes no proxecto de estudos a través do cal o departamento educativo da Xunta de Galicia e o distrito polaco de Bedzin están a impulsar intercambios entre ambas as rexións no marco do Programa europeo de Comenius Regio. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, reuniuse coa delegación polaca, nun encontro no que tamén participaron–en representación dos centros galegos implicados- as directoras do CEIP Froebel e IES A Xunqueira II de Pontevedra, así como o director e técnicos do EFL Don Bosco. Pola parte polaca estiveron presentes o alcalde do distrito de Bedzin, Krzysztof Malczewski, concelleiros e representantes de dita administración así como profesorado e técnicos de centros educativos e asociacións xuvenís do mesmo distrito.
Durante a xuntanza os asistentes tiveron a oportunidade de afondar nas vantaxes dos intercambios culturais, especialmente no contexto educativo; así como de abordar a posibilidade de establecer colaboracións futuras. De feito, a finalidade dun proxecto Europeo Comenius Regio, son as colaboracións sostibles no futuro, máis aló da vida do proxecto, 2012-2014.
Os representantes polacos, durante súa estancia en Galicia, tiveron ocasión de visitar outras institucións como o Concello e a Deputación de Pontevedra.
O Camiño como referente
Ao abeiro desta colaboración entre o distrito polaco e Galicia desenvolverase un proxecto de intercambios para afondar, desde o eido educativo, no coñecemento mutuo de ambas rexións, e estudaranse as herdanzas culturais, valorando a diversidade como elemento de riqueza cultural e tomando o Camiño de Santiago como referente.
Para iso, ao longo do proxecto celebraranse conferencias temáticas con intercambios de boas prácticas, obradoiros e produciranse diversos materiais culturais, coa participación das dúas administracións de ambos países, centros educativos e asociacións.