Cultura e Educación intervén no XV congreso organizado pola Unión Española de Cooperativas da Ensinanza en Sanxenxo

O director xeral de Centros e Recursos Humanos participou na apertura do encontro que nesta edición ten como lema “Máis educación, Máis cooperación, Mellor futuro” e que se desenvolve ata o venres

Mér, 17/10/2012 - 12:04

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa no XV congreso organizado pola Unión Española de Cooperativas da Ensinanza (UECoE) xunto coa Unión de Cooperativas de Ensino de T.A. de Galicia (UCETAG) e que se desenvolverá ata o venres en Sanxenxo.

Na xornada de apertura celebrada hoxe a Consellería estivo representada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, que  durante a súa intervención sinalou que “a cooperación é a base fundamental da cultura da humanidade e forma parte da súa esencia, o que fai dela un factor de transformación, de educación e de culturización constantes. E as cooperativas son, tamén, un dos piares fundamentais da economía social, alternativa clara entre a economía pública e a capitalista e que, como contraposición a éstas, persigue o interese colectivo dos seus integrantes, ademais do ben xeral, económico e social”, ao que engadiu que “no caso das cooperativas de ensinanza que, ademais de rexirse polos principios básicos destas organizacións, os transmiten de forma activa ao seu alumnado. Contades co apoio das familias, as administracións e os poderes públicos, todos plenamente conscentes da necesidade dun traballo conxunto polo ben común”.

Xunto a el participaron neste acto representantes de UECoE, UCETAG, o concello de Sanxenxo, e dos Ministerios de Educación, Cultura e Deporte, así como do de Emprego e Seguridade Social e da Confederación Española de Economía Social. Todos eles deron paso as xornadas Máis educación, máis cooperación, mellor futuro que continuarán ata o venres e ten programadas sesións de traballo para os máis de 200 representantes procedentes de Escolas Cooperativas de toda España.

A programación

Este encontro ten como obxectivo mostrar o apoia á empresa cooperativa, por ser un modelo que aposta de xeito firme polo mantemento e a creación de emprego; un modelo que non busca do máximo beneficio a longo prazo.

Ao longo da xornada de hoxe darán comezo os Talleres de Traballo nos que se tratarán temas de gran interese para o sector educativo e a sociedade en xeral como son a Atención á Diversidad, a Organización Interna das Cooperativas. O relevo xeneracional, o Emprendemento e innovación e a Educación plurilingüe. O programa completase mostrando proxectos do alumnado sobre o fomento do espíritu emprendedor e relatorios sobre a importancia das cooperativas´.