O Consello da Xunta autoriza a sinatura dun convenio de colaboración co Ministerio de Educación para o apoio á implantación da LOE
A Consellería de Educación achegará máis de 7,9 millóns de euros para o financiamento de iniciativas para o desenvolvemento da lei
O Consello da Xunta autorizou hoxe o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a sinatura do convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o programa de apoio á implantación da Lei Orgánica de Educación (LOE). Mediante este acordo, os asinantes comprométense a pór en marcha diversos programas, todos eles encamiñados a facilitar o desenvolvemento da lei e a mellora das competencias do profesorado e do alumnado do ensino non universitario.
Unha vez asinado o convenio, o Ministerio de Educación transferirá un total de 5.390.191 euros para financiar diversos programas, mentres que a achega da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ascenderá aos 7.989.287 euros. A este acordo chégase despois de que o Consello de Ministros decidise o pasado 29 de xuño distribuír axudas entre as comunidades autónomas co fin de impulsar iniciativas tendentes ao logro dos obxectivos da LOE e preparar o sistema para facer fronte ás novas necesidades educativas.
Formación do profesorado
Cinco son os programas obxecto do convenio. En primeiro lugar, destínase máis de 1,1 millóns de euros á formación do profesorado, tendo en conta que a nova ordenación educativa exixe un esforzo suplementario para proporcionar aos docentes a mellor preparación para o desenvolvemento dos currículos que permitan acadar os novos obxectivos do ensino.
Protagonismo especial nesta formación do profesorado ten o Programa de Apoio ao Ensino e Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras, concretado fundamentalmente no programa PALE. Grazas ao investimento de 2,3 millóns de euros, os docentes poderán gozar dunha fase de inmersión lingüística nun país na lingua estranxeira que estean a estudar, e distintos cursos de formación intensiva, coa posibilidade de concilialos con a vida familiar.
Ao abeiro do PALE prevese, así mesmo, a posibilidade de contratación de auxiliares de conversación nativos que impulsen a dinamización na aula da competencia comunicativa.
Cara ao éxito escolar
Outro dos eixes sobre os que pivota o acordo asinado é o fomento das iniciativas para a mellora do éxito escolar do alumnado galego. Neste sentido, destínanse 4,9 millóns de euros a accións de reforzos de materias instrumentais -matemáticas e linguas, fundamentalmente-, así como daquelas que presenten un maior grao de fracaso. Por outra banda, refórzanse os departamentos de orientacións nos centros de educación primaria co fin de detectar canto antes as posibles carencias e adoptar medidas para resolvelas nesa mesma etapa educativa.
Na mesma liña, o acordo reserva máis de 3,4 millóns de euros a actuacións que eviten o abandono temperán do período de escolarización, desenvolvidas fundamentalmente a través dos departamentos de orientación.
O principal punto deste proxecto é a loita contra o absentismo escolar, en estreita colaboración cos servizos sociais dos Concellos. Por outra parte, a Consellería de Educación vai achegar ao alumnado información das posibilidades de estudo de que dispoñen: oferta educativa, accesos, validación, recursos e bolsas, etc.
Por último, esta liña de actuación traballa na extensión e modificación do tempo escolar, co fin de favorecer a conciliación coa vida familiar e contribuír á mellora da aprendizaxe dos nenos e nenas fóra do horario escolar. Estas accións, que son desenvolvidas nos centros educativos a través do respectivos concellos, van dirixidas ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil e educación primaria e céntranse no ensino de actitudes e hábitos saudables.
O obxectivo último destes programas é propiciar o aumento de rapaces e rapazas galegos que acadan un título en educación secundaria obrigatoria, e acceden ao bacharelato e a ensinanzas superiores. Deste xeito, poderán contar con máis recursos para facer fronte á vida activa.
Ademais, organizaranse xornadas de traballo de ámbito estatal, que servirán de punto de encontro dos profesionais das distintas comunidades autónomas para o intercambio e a análise de experiencias en aspectos formativos.