O conselleiro de Educación comproba a evolución das obras no CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, en Ourense
Xesús Vázquez Abad visitou tamén o CEIP O Couto, onde leu un fragmento de ‘El Quijote’
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, onde puido dar conta en primeira persoa das obras que a Consellería está a realizar para a construción dun novo edificio para este centro. No seu percorrido, Vázquez Abad constatou o avance dos traballos. O alumnado poderá estrear as novas instalacións o vindeiro curso escolar.
As obras no CEIP, que contan cunha inversión de 3,8 millóns de euros, permitirán á cidade de Ourense ter un centro educativo de referencia que contará con infraestruturas de vangarda, e estará dotado dunhas completas instalacións deportivas e das últimas innovacións en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Vázquez Abad aproveitou a ocasión para compartir co alumnado de 5º e 6º de Primaria do Amadeo Rodríguez Barroso a lectura dun fragmento de ‘El Quijote’, no marco dos eventos organizados co gallo do Día Internacional do Libro; algo que fixo tamén previamente na súa visita ao CEIP O Couto. Deste xeito, o conselleiro de Educación quixo transmitir ao alumnado destes centros a importancia de retomar as grandes obras da literatura, non só nestas datas senón no día a día do seu hábito lector.
Por este mesmo motivo, o conselleiro de Educación desprazouse ata a Praza Maior de Ourense, onde participou na lectura á Declaración Institucional da Xunta de Galicia.
Vázquez Abad estivo acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez; e a xefa territorial de Educación en Ourense, Mª Sol Díaz.