A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promociona o Sistema Universitario de Galicia a través dun vídeo
A peza, que está colgada na plataforma web da Consellería, difundirase nos idiomas galego e castelán
Pretende achegar aos posibles destinatarios do mesmo e á sociedade en xeral, unha visión actualizada das nosas universidades
Estudantes e investigadores reais participaron no proxecto
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promociona o Sistema Universitario de Galicia (SUG) a través da rede, coa creación dun vídeo que xurde comoun esforzo por parte do departamento por achegar aos interesados no SUG e á sociedade en xeral, unha visión actualizada das nosas universidades.
A peza, que está colgada na plataforma web da Consellería, difundirase en galego e castelán, e ten por finalidade incidir sobre tres puntos fundamentais como son o reforzamento da imaxe do SUG, a fidelización do estudantado galego e a captación de estudantes do resto de España e do estranxeiro.
Esta iniciativa non se constitúe como unha guía exhaustiva da oferta académica e de servizos das tres universidades galegas, senón que busca a efectividade da mensaxe mediante unha narración de case 6 minutos de duración que chegue de xeito directo aos receptores da mesma.
Transmisión da potencialidade profesional do SUG
Os valores recollidos no vídeo céntranse nunha mensaxe emocional coa que se trata de transmitir a experiencia única e de grande potencialidade profesional que supón estudar na comunidade galega. Neste senso, a cinta emprega a imaxe do Camiño de Santiago como metáfora para destacar a influencia bidireccional de Galicia con Europa e a idea de que o Camiño é o principio dun proxecto profesional de futuro.
Con ela, téntase promocionar o sistema de forma que se visualicen as universidades galegas como centros de ensino universitario modernos e axeitados ao seu tempo, concibidos para satisfacer as demandas e as expectativas, tanto do alumnado como da contorna na que se ubican. Uns centros que, herdeiros dunha tradición cultural, están abertos ao futuro e avanzan cada día para garantir a mellor das ofertas formativas, proporcionando sucesivas promocións de profesionais nos máis diversos campos e avanzando na investigación e na transferencia de coñecementos.
Participación de estudantes e investigadores na cinta
O vídeo foi rodado nos sete campus do SUG e nel participaron estudantes e investigadores reais, prescindido de actores profesionais, de xeito que a mensaxe fora verídica e convincente. Así mesmo, neste traballo interviñeron profesionais galegos, dende a voz en off (o locutor Antón Cancelas) ata a música orixinal (composta e interpretada por David Taboada, ex alumno das universidades de Santiagode Compostelae da Coruña).
Deste xeito, contaremos cun material que poda chegar ao maior número de interesados, transmitindo unha mensaxe acorde coa realidade actual do Sistema Galego de Universidades, unha vez rematada a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
O vídeo promocional está xa dispoñible no enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/6756