O conselleiro de Educación asiste á entrega de premios do concurso de debuxo infantil ‘O camiño da migración’
Xunto a Xesús Vázquez Abad estivo o xerente da Fundación Galicia Emigración, José Manuel Castelao Bragaña
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe os premios do concurso de debuxo infantil ‘O camiño da migración’. Na entrega tamén participaron o director- xerente da Fundación Galicia Emigración, José Manuel Castelao Bragaña; a representante de Distribucións Froiz, Brígida Nieto; e a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, en cuxa sede social compostelán se organizou o acto.
O conselleiro de Educación dirixiuse aos doce premiados de 5º e 6º de Primaria e ao resto de presentes aos que lles dixo que “as culturas xa non son só un motivo de estudo ou investigación senón, sobre todo, un motivo de convivencia”. A isto engadiu que “a educación conduce á adquisición de valores, coñecementos e hábitos intelectuais e persoais mediante a aprendizaxe e a convivencia prolongada de alumnos e alumnas de orixe inmigrante cos que non o son, e isto convértea, sen dúbida, no máis eficaz instrumento integrador de cantos dispoñemos”.
Pola súa banda, Castelao Bragaña destacou que con este concurso buscábase vincular o Camiño de Santiago cos movementos migratorios, tendo en conta que este percorrido foi o comezo da integración do territorio peninsular en Europa.
‘O camiño da migración’ tiña como obxectivo fomentar a interculturalidade e o respecto á diferenza, sen discriminacións, a través da pintura. Así, este concurso recolleu as visións dos participantes sobre a convivencia de persoas de diferentes países, razas e culturas como forma de enriquecernos, vencellandoas á idea de persoas “en Camiño”.
Os gañadores foron premiados cunha bicicleta, os segundos postos con entradas para ver o espectáculo ‘Saltimbaco’, do Circo del Sol en Santiago; mentres que os terceiros recibiron un lote de libros e material escolar. Ademais, os centros dos premiados tamén viron recoñecido o traballo dos seus alumnos e alumnas cun diploma de agradecemento.
Os premiados foron Martín Bussolari do CEIP de Ventín (Ames- A Courña), por ‘Onte e hoxe’; Iván Manuel do CEIP Colexiata de Sar (Santiago- A Coruña), por ‘La tierra querida y la tierra soñada’; Sarai Domínguez do colexio Santiago Apóstol (Ponteareas-Pontevedra) por ‘Un mundo de Camiños’ e Sara Fernández do CEIP Santa Mariña de Cabral (Vigo- Pontevedra) por ‘Tradicións arredor do mundo’.
No segundo posto quedaron Bruno Iglesias, do colexio Santiago Apóstol (Ponteareas), por ‘Polo mundo, no camiño’; Jorge Expósito do CEIP de Ventín por ‘O camiño de Santiago’; Grabriela Sieira do colexio Neno Xesús de Praga (Vigo- Pontevedra); por ‘Emigración/ Inmigración’; e Noelia Rigueiro do colexio Nosa Señora da Asunción (Sarria- Lugo), por ‘Acolléronnos, acollámolos’.
Na terceiro lugar resultaron premiados Lara Castro do colexio Ludy (Ferrol- A Coruña), por ‘Camiño de Santiago’; Lois Gómez por ‘Terra de camiños’ e Martín Dávila por ‘Un camino para todos’ do colexio Santiago Apóstol; e Uxía Veira do CEIP Galán (Arteixo- A Coruña) por ‘Xuntos no camiño, xa que, todas as persoas son importantes”.