O Consello da Xunta autoriza a sinatura dun convenio para o funcionamento do centro neuropsicopedagóxico 'O Pelouro', en Tui

O centro é pioneiro na educación de alumnado con trastornos de personalidade e conduta

Xov, 03/12/2009 - 10:27

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio para o funcionamento e reserva de prazas para alumnado no centro neuropsicopedagóxico 'O Pelouro', durante o curso 2009/2010. Mediante este acordo subvenciónase a prestación do servizo público da Educación e a reserva de prazas para alumnado con trastornos de personalidade e conduta neste centro de Caldelas, en Tui (Pontevedra).

Serán 549.822 euros os que a Xunta de Galicia achegue para este fin. Así, a Consellería de Educación dá cumprimento ao establecido no Decreto 191/1988, do 21 de xullo, polo que se declara 'O Pelouro' como centro singular experimental de innovación psicopedagóxica e integración. Non en balde vén desenvolvendo desde 1973 a coeducación de escolares con necesidades educativas específicas, con e sen minusvalidez, mediante unha educación completa e integral da persoa, baseada na súa diversidade.

Con ensinanzas de Educación Infantil, Educación Especial e Educación Secundaria Obrigatoria, este centro presta ademais o servizo de internado que, grazas ao convenio, resulta totalmente gratuíto para o alumnado. Ademais, as cantidades aboadas pola Administración autonómica cobren gastos de persoal, funcionamento e material para o correcto desenvolvemento das pertinentes actuacións de educación integradora e interactiva.

Os rapaces e rapazas con necesidades de apoio educativo específicas conviven e aprenden en integración co resto do alumnado ordinario de 'O Pelouro', co obxecto de acadar o máximo desenvolvemento das súas potencialidades, no marco dunha comunidade educativa equilibrada. Esta atención desenvólvese en réxime de internado de diversos tipos, segundo as circunstancias familiares ou de terapia o aconsellen, procurando o réxime máis axeitado a cada alumno ou alumna e ás dinámicas de grupo adaptadas ás súas características.