Cultura e Educación reúnese con representantes de Casas Museo e Fundacións de Escritores de España e Portugal

Os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura recibiron esta tarde os participantes no I Encontro Ibérico de Casas Museo e Fundacións de Escritores na sede do Consello da Cultura Galega

Durante a recepción, os representantes da Consellería presentaron iniciativas de turismo cultural en Galicia e o proxecto da Rede de Dinamización Lingüística

Mar, 09/10/2012 - 19:53
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Política Li
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participaron hoxe no I Encontro Ibérico de Casas Museo e Fundacións de Autor

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe no acto de recepción dos participantes no I Encontro Ibérico de Casas Museo e Fundacións de Autor, unha iniciativa que se inaugura mañá na Cidade da Cultura de Galicia e no marco da cal se constituirá a Asociación Ibérica das Casas Museo de Escritores, unha experiencia pioneira que integrará entidades de Portugal e do conxunto de España.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiron os representantes das casas museos e fundacións de escritor que asistirán ao congreso, nun acto que tivo lugar esta tarde na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, onde estiveron acompañados polo vicepresidente da institución, Francisco Díaz-Fierros.

No marco deste encontro, ambos representantes da Consellería de Cultura e Educación desenvolveron cadanseu relatorio sobre a Rede de Dinamización Lingüística e o turismo cultural en Galicia, respectivamente. Na súa intervención, a Anxo Lorenzo presentou a cultura “como un elemento de oportunidade para favorecer un turismo de calidade” e incidiu no feito de que, cada vez máis, “a singularidade cultural e as programacións de eventos culturais de calidade lle confiren aos destinos un valor engadido”.

Valor social do turismo cultural

Segundo comentou, “o turismo cultural representa unha oportunidade no contexto do desenvolvemento turístico de España, de Galicia e de Portugal”. En primeiro lugar, porque permite a posta en valor de referentes culturais que reforzan a identidade dunha colectividade, tanto na imaxe interna coma externa. En segundo lugar, porque o turismo cultural pode ser unha estratexia positiva na dimensión socioeconómica do desenvolvemento local. Por iso, Anxo Lorenzo gabou “aqueles proxectos que poñen en relación a posta en valor das nosas escritoras e escritores máis destacados coa oportunidade de dinamizar, turística e culturalmente, a nosa xeografía”.

A Rede de Dinamización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística desenvolveu un relatorio no que tivo ocasión de explicarlles con detalle aos participantes neste encontro o proxecto da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), de cuxa constitución hai, precisamente estes días, un ano. "A RDL está deseñada para admitir entidades de índole diversa pero que redunden todas elas na promoción do uso do galego desde o ámbito máis próximo á cidadanía, que é o local. Deste xeito, artellan arestora a RDL deputacións, concellos grandes e pequenos, mancomunidades, consorcios, asociacións culturais...". Segundo explicou o secretario xeral –tamén presidente da RDL– "coordinar o traballo conxunto de todas elas por medio de accións a prol do noso obxectivo común, que é a promoción da lingua galega, é complexo pero moi positivo”.

Ás portas de cumprir un ano en funcionamento, a RDL ten convivindo dentro dela entidades que contan con ampla experiencia na promoción do uso do galego e outras que, grazas ao proxecto, se inician pouco a pouco nesta tarefa. Tal e como explicou García Gómez, "o labor desde a RDL é levar a cabo unha coordinación estable e continuada coas máis de 120 entidades que participan nela. Tamén o é, no tocante ao papel que xoga a Secretaría Xeral de Política Lingüística como coordinadora central da RDL desde a Xunta de Galicia, implicar outros departamentos da Administración autonómica –Deporte, Xuventude, Cultura, Administración Local, Comercio...– nas accións, programas e iniciativas que se impulsan e se canalizan desde a RDL para levar e consolidar o galego nos diferentes ámbitos da sociedade galega".

A Consellería de Cultura e Educación colabora coa Asociación Española de Casas Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) na realización deste encontro que terá lugar entre hoxe e ata mañá en Santiago de Compostela, e o xoves e o venres, no marco da Capital Europea da Cultura de Guimarães. O encontro completarase o sábado cunha viaxe literaria polo río Douro baseada nos escritores Eça de Queiroz y Miguel Torga.

Constitución da Asociación Ibérica de Casas Museo de Escritores

O Consello da Cultura Galega, a Casa da Troia e a Cidade da Cultura de Galicia son os lugares nos que se celebra a parte galega do encontro, que será inaugurado mañá pola mañá no Gaiás polo conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad. No inicio do encontro, materializarase a constitución da Asociación Ibérica de Casas Museo e Fundacións de Escritores, unha iniciativa pioneira que nace para ampliar a difusión dos escritores e das súas obras no ámbito ibérico e favorecer o intercambio de experiencias e o diálogo entre as casas museo e as fundacións de autor de España e Portugal.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, será o encargado de ofrecer, ás 13:00 horas, a conferencia inaugural, que leva por título Os trobadores medievais. A orixe da literatura galaico-portuguesa. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, terá lugar a vídeo conferencia que ofrecerá Pilar del Río, viúva de José Saramago, e na que falará sobre o iberismo do escritor. Estes dous relatorios realizaranse en aberto para todas aquelas persoas que estean interesadas en asistir.

Preto de 40 entidades procedentes de España e de Portugal asisten ao I Encontro Ibérico de Casas Museos e Fundacións de Escritor. As fundacións Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Carlos Casares, e a Casa Museo Ramón Cabanillas son algunhas das entidades do ámbito galego que participan na iniciativa.

Menús News node R