Os estudantes afectados polo caos no tráfico aéreo comezan hoxe as viaxes de volta a Galicia
A Consellería de Educación estivo a traballar facilitando todos os seus recursos para a atención aos afectados
Os estudantes galegos afectados polo caos no tráfico aéreo comezan hoxe os viaxes de volta a Galicia. Desde a Consellería de Educación estívose a traballar facilitando todos os recursos aos estudantes e profesores afectados.
En total víronse afectados 95 estudantes e 10 titores de centros escolares galegos, que non puideron regresar o día previsto pola paralización parcial do tráfico aéreo en Europa. A Consellería estivo en contacto permanente con todos os centros escolares afectados, as súas direccións, e os profesores e profesoras que acompañan aos escolares.
Do mesmo xeito a Administración galega estivo en contacto a través de correos electrónicos e vía telefónica coa embaixada de España e as asesorías técnicas de Educación nos distintos países, así como o xefe de gabinete do ministro de Asuntos Exteriores, o servizo de urxencia e a embaixadora para emerxencias consulares. A Consellería recorda que desde o primeiro día está a realizar xestións para que os estudantes e docentes regresen con todas as condicións de seguridade, o antes posible. Mentres isto non poida ser, a Xunta de Galicia traballa para que a atención a todos eles estea garantida.
A Consellería estivo en contacto permanente cos centros escolares afectados de La Merced (Sarria), Promotora Educativa Lucense (Lugo) que non poden saír de Londres(Inglaterra) e Copenhague (Dinamarca), respectivamente. Así mesmo, como os dos IES As Mercedes e o IES A Piringalla ambos de Lugo que están en Roma (Italia). Tamén se estivo en constante contacto cos afectados do centro de O Feal (Narón), que comezan hoxe a viaxe a Galicia desde Dublín (Irlanda).