Cultura e Educación salienta o traballo de innovación do IES Fontiñas e da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, que lles valeu o galardón “European Language Label of the Labels Awards”

O instituto santiagués presentou hoxe, “Eurocatering.org”, un curso gratuíto pensado para o sector da hostalaría que se poderá realizar agora ata nunha ducia de linguas

O IES vén de recibir este recoñecemento como socio colaborador de Bélxica neste proxecto. Na mesma convocatoria premiouse o proxecto da Escola Oficial de Idiomas da Coruña “E-tridem.net. Intercambios interculturais en contornos virtuais”, como representante de España

Ven, 05/10/2012 - 17:08
O director xeral de Educación , no Eurocatering
O director xeral de Educación , no Eurocatering

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe no lanzamento do novo Eurocatering.org, un curso gratuíto pensado para o sector da hostalaría e desenvolvido polo IES Fontiñas que se poderá realizar a partir de agora ata en 12 linguas diferentes. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa representou ao departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad nesta presentación, e felicitou ao instituto por ter acadado – como socio de Bélxica, o país coordinador do proxecto- o premio "European Language Label of the Labels Awards" - concedido pola Comisión Europea en Limassol (Chipre)- por este curso, na súa anterior edición para 7 linguas.

Cómpre lembrar que o proxecto que representaba a España neste certame, E-tridem.net. Intercambios interculturais en contornos virtuais da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, tamén resultou galardoado con este Selo dos Selos Europeos na cerimonia celebrada en Chipre o pasado mes de setembro, no marco da Conferencia “Multilingüismo en Europa”.

É, pois, unha satisfacción para o departamento educativo da Xunta de Galicia que dous centros de ensino galegos - no caso da EOI da Coruña representando a España, no do IES Fontiñas como socio colaborador de Bélxica- teñan acadado unha distinción tan importante, que recoñece as iniciativas innovadoras na ensinanza e a aprendizaxe das linguas como medio para unha auténtica integración europea.

Ampliación do proxecto

Eurocatering.org, desenvolvido polo IES As Fontiñas e coordinado polas profesoras Asunción Acosta García, Montserrat Fernández Castro e Margarita Viz Blanco;  é un curso gratuíto en liña pensado para o sector da hostalaría que se publicou na internet - na páxina http://www.eurocatering.org -, como resultado dun proxecto do programa Leonardo da Vinci B de competencia lingüística. Ata este momento, podíase realizar en 7 linguas, en concreto en esloveno, español, francés, galego, holandés, inglés e noruegués.

O proxecto, que fai fincapé no desenvolvemento de competencias orais, consta dun glosario de 2.000 termos relacionados con este sector, dun curso en liña que recrea situacións reais nunha cociña e nunha sala de restaurante e dunha plataforma de aprendizaxe Moodle. Eurocatering.org recibiu ademais o 2º premio “Sello Europeo a la innovación en la enseñanza y aprendizaje de lenguas“ no ano 2010.

O IES Fontiñas deu continuidade ao curso, no que participaron distintos centros e profesorado de 7 países europeos, participando noutro proxecto, o Eurocathos. O resultado foi a ampliación do curso a 12 linguas, as anteriores máis o alemán, finlandés, gaélico, italiano e polaco; innovación que foi presentada hoxe no propio instituto santiagués. Ademais, estase a elaborar outro curso en liña centrado na recepción de hotel, tamén en 12 linguas.

Tal e como transmitiu nesta presentación o representante da Consellería, Cultura e educación valora moi positivamente que os centros educativos galegos estean a participar de forma activa no desenvolvemento de proxectos educativos europeos. Especialmente, no que toca a favorecer o plurilingüismo na formación profesional, unha das liñas prioritarias do departamento educativo da Xunta de Galicia para facilitar mellores oportunidades laborais ás galegas e galegos.

Proxecto español da EOI coruñesa

A participación dos centros de ensino galegos en programas europeos destas características é destacada tamén no caso do proxecto E-tridem.net. Intercambios interculturais en contornos virtuais da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, que foi tamén recoñecido cun “European Language Label of the Labels Awards”.

Este curso foi desenvolvido na EOI da Coruña dende 2005 ata 2008, no marco dunha asociación de aprendizaxe Grundtvig na que participaron 5 centros educativos do ámbito do ensino de adultos de Alemaña, Austria, Reino Unido e España. Xa en 2007 recibiu o primeiro premio de Selo Europeo ás iniciativas innovadoras no ensino-aprendizaxe de linguas.

E-tridem.nettiña como obxectivo que o alumnado mellorase a súa competencia comunicativa en dúas linguas estranxeiras, así como o seu coñecemento sociocultural e consciencia intercultural promovendo un debate sobre distintos temas da cultura dos países implicados e fomentar a mellora no uso das TICs tanto do alumnado como do profesorado. Toda a información relativa ao curso, tarefas e resultado atópase en www.e-tridem.net .

Na actualidade aínda se mantén o espírito do proxecto, xa que se segue a colaborar con algúns dos centros deste proxectos noutras actividades colaborativas, introducindo algunhas das metodoloxías usadas nese proxecto na práctica diaria da aula e a facer tarefas colaborativas con alumnado de Europa.