Cultura e Educación pechará en decembro o ciclo Galicia Importa 2012 cun concerto do mítico guitarrista Steve Vai en Santiago

Tocará xunto á súa banda o 10 de decembro na Sala Capitol, na que será a primeira visita a Galicia deste virtuoso da guitarra e lenda viva da historia do rock

Complétase o cartel desta quinta edición, promovida por Sweet Nocturna co patrocinio da Agadic, que en novembro ofrecerá as actuacións de Mavis Staples en Compostela e Therapy? e Saint Etienne en Vigo

Xov, 04/10/2012 - 16:12
Stve Vai pechará o ciclo Galicia Importa
Stve Vai pechará o ciclo Galicia Importa

O ciclo musical Galicia Importa, patrocinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pechará a súa edición de 2012 co concerto que Steve Vai, considerado como un dos mellores guitarristas da historia do rock, ofrecerá acompañado da súa banda o vindeiro 10 de decembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

A confirmación desta lenda viva do rock, cunha técnica e unha traxectoria ao alcance de poucos guitarristas, vén completar o cartel de sete grupos e artistas de primeiro nivel que ofrece a quinta edición do ciclo, con outras tres citas pendentes para o mes de novembro: Mavis Staples, o día 6 tamén en Compostela (Auditorio de Galicia); e Therapy? e Saint Etienne, os días 15 e 16 de novembro, respectivamente, en Vigo (Mondo Club).

Esta será a primeira actuación en Galicia de Steve Vai, quen foi durante moitos anos man dereita de Frank Zappa, ademais de ter tocado xunto a algúns dos grandes nomes do rock contemporáneo como Joe Satriani, con quen empezou a tomar clases aos 12 anos de idade, David Lee Roth, Ozzy Osbourne, Brian May, Ry Cooder, Al Di Meola ou Alice Cooper, entre moitos outros.

Traxectoria galardoada

Aínda que conta tamén cunha destacada carreira como produtor e arranxista, este músico norteamericano é internacionalmente coñecido polo seu virtuosismo á guitarra. De feito, o seu nome figura en todas as listas dos mellores guitarristas do rock, ademais de ter sido galardoado cos máis prestixiosos premios da industria musical –obtivo o Grammy en tres ocasións– e dos medios especializados.

A súa discografía inclúe máis de 60 albumes, 16 discos en solitario, ademais de gravacións en vivo, recompilatorios, traballos de orquestra e colaboracións en multitude de discos de grandes bandas como Whitesnake, Motorhead ou Dream Theater. O seu último traballo editado é The Story of Light, publicado este mesmo ano polo seu propio selo discográfico, Favored Nations Entertainment, e co que está inmerso nunha ampla xira internacional que en decembro recalará en España, con outras catro actuacións confirmadas ata o momento: unha en Madrid, dúas en Barcelona e unha en Murcia.

Entradas

As entradas para o seu concerto na Sala Capitol poranse á venda esta semana nas canles habituais que emprega Galicia Importa –a web www.servinova.com, o teléfono 902 504 500 e a rede Ticketmaster (Halcón Viajes, Carrefour, tendas Tipo, FNAC...)–onde xa se poden adquirir, así mesmo, as entradas para os concertos de Mavis Staples, Therapy? e Saint Etienne.

O ciclo, que organiza a promotora viguesa Sweet Nocturna co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), celebra este ano a súa quinta edición, reforzando o seu papel na procura de situar Galicia no mapa de distribución internacional de grandes nomes da música en moi diferentes estilos. Neste sentido, os espectadores galegos tiveron xa a oportunidade de gozar doutros tres destacados concertos dentro da programación deste ano: os The Jon Spencer Blues Explosion e Thurston Moore no mes de marzo e The Jayhawks o pasado 27 de setembro.

Menús News node R

Tema