O Consello da Xunta autoriza a implantación de estudos oficiais de máster universitario e doutoramento nas universidades galegas
Ao abeiro deste decreto, no curso 2009/2010 impartiranse 83 titulacións de máster, e 77 programas de doutoramento
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se autoriza a implantación dos estudos universitarios oficiais de máster universitario e de doutor ou doutora en distintas facultades do Sistema Universitario Galego (SUG) para este curso 2009/2010.
Este cambio nos posgraos enmárcase no proceso de adaptación das titulacións do SUG ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Son, en total, 160 títulos (83 de máster e 77 programas de doutoramento) os que se van implantar ao abeiro deste decreto, ben que a maioría deles son transformacións de títulos que están a ser impartidos na actualidade nas respectivas universidades galegas, fundamentalmente dos antigos programas de doutoramento (terceiro ciclo), cuxo período de formación pasa a converterse en máster, e o período de investigación transfórmase no propio programa de doutoramento. Deste xeito, en sentido estrito, autorízanse 30 novos estudos de máster e 24 conducentes ao título de doutor ou doutora; mentres que os 106 restantes son resultado da adaptación ao novo sistema.
Simplificación de títulos
Neste proceso de transformación do SUG ao EEES, que deberá estar finalizado en 2010, a Consellería de Educación e as distintas universidades realizaron un importante esforzo de simplificación para unificar os antigos doutoramentos non viables ou con características moi semellantes, e evitar así duplicidade de contidos. Así, o novo master e programa de doutoramento da Universidade de Vigo (UVIGO) en 'Ordenación Xurídica do Mercado' procede da unión dos antigos de 'Dereito e Mercado', 'Novas Orientacións do Dereito Público na UE', 'Dereito a Libre Circulación' e 'Principios e Categorías Básicas da Fiscalidade Interna e Internacional', todos eles estudos polos cales se obtiña a titulación de doutor ou doutora.
De xeito semellante, as universidades do SUG traballaron para romper a dualidade período de formación (terceiro ciclo), período de investigación dos vellos programas de doutoramento, que conducira a unha oferta sobreaumentada. Grazas a este proceso de transformación, é posible acceder aos novos doutoramentos desde un ou varios máster. É o caso, entre outros, do programa en Ciencias Forenses e Patoloxía, da USC, ao cal se poderá acceder desde os máster en Biomedicina, en I+D de Medicamento, e en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados.
Por outra banda, e para fomentar a relación co resto do sistema universitario español, optouse pola elaboración de catro títulos interuniversitarios dentro do propio SUG, e outros catro fóra del.