Cultura e Educación abre en Ribadavia as ‘Xeiras sobre o Padre Sobreira e as terras do Ribeiro’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na mesa de apertura das xeiras que se desenvolverán durante esta fin de semana en Ribadavia

Ven, 28/09/2012 - 19:04

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde na apertura das Xeiras sobre o Padre Sobreira e as terras do Ribeiro, que se desenvolverán ao longo desta fin de semana en Ribadavia.

García Gómez estivo acompañado polo presidente da Deputación ourensá, José Manuel Baltar; polo presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xosé González; e mais polo vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo (UDV), Xosé Henrique Costas.

Sobreira, un precursor da dinamización da lingua

O secretario xeral destacou a importancia do Padre Sobreira “por promover a reflexión sobre a situación social do galego no século XVIII, así como pola súa grande achega aos estudos filolóxicos galegos con investigacións que recollen e poñen en valor a riqueza e a variedade da nosa lingua”. Para García Gómez, esta figura sobranceira do Ribeiro “foi un dos precursores da dinamización lingüística da súa época, e engrosou o grupo de intelectuais eclesiásticos preocupados e dedicados a apoiar o uso do galego en todos os ámbitos desde os que se considerou xa no seu tempo imprescindible impulsar e dignificar a lingua propia de Galicia como tal e non como dialecto”. En palabras do secretario xeral “a principal aportación de Sobreira redundou na investigación lexicográfica e dialectolóxica sendo continuador do labor encetado por Frei Martín Sarmiento”.

Programa das Xeiras

As Xeiras sobre o Padre Sobreira e as terras do Ribeiro co-organízanas a Asociación Álvaro da Casas, o Foro Enrique Peinador, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e mais a Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UDV, en colaboración, entre outras entidades, coa Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na primeira sesión, o académico da lingua galega Xesús Alonso Montero reflexionará sobre a relación do Padre Sobreira coa filoloxía do século XVIII, mentres que o tamén académico Manolo González González abordará a contribución do monxe benedictino ao léxico galego.

Mañá, sábado, Xosé Carlos Sierra, Clodio González e Xosé Carballido falarán, respectivamente, sobre a museística, os aspectos etnográficos do Ribeiro e a estrutura agraria e vinícola da comarca. A continuación, Fermoso e Marisa González analizarán a xenealoxía do Padre Sobreira e a fidalguía no Ribeiro do século XVIII; mentres que Xosé Benito Beza reflexionará sobre a paisaxe ribadense e a súa proxección. Xa pola tarde, todas as persoas asistentes ás xeiras participarán nun roteiro cultural por Ridimoas.

E xa na última xornada de traballo, o domingo, Carlos Varela García abordará a organización territorial e xudicial da terra do Ribeiro; Luís García Mañá reflexionará sobre os aspectos xurídicos da protección do patrimonio; e Xosé M. Cid falará sobre os mestres e as escolas no Ribeiro na segunda república. A continuación, Luís Domínguez Castro expoñerá a realidade e as perspectivas do Ribeiro no século XXI. Pechará as xeiras unha mesa redonda sobre turismo, patrimonio e enoloxía do Ribeiro, na que participarán Xurxo Rodríguez, Antonio Cajide, Luís Domínguez e Xosé Carlos Sierra.
 

Menús News node R