A Consellería de Cultura e Educación presenta ‘Galego de cine’ en Santiago de Compostela

A actividade de ‘FalaRedes’ dirixida á xente miúda da casa chegará á capital de Galicia durante esta fin de semana

O secretario Xeral de Política Lingüística manifestou o compromiso do Goberno galego co idioma do país no marco do Día Europeo das Linguas

Mér, 26/09/2012 - 16:48
O Secretario Xeral de Política Lingüística
O secretario Xeral de Política Lingüística presenta ‘Galego de cine’ en Santiago de Compostela

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou esta mañá en Santiago de Compostela a actividade de dinamización lingüística Galego de cine, que recalará na cidade compostelá nesta fin de semana. Farao da man do programa FalaRedes, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da consellería dirixida por Vázquez Abad, en entidades locais adheridas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), entre as que se atopa a capital de Galicia.

Durante a súa intervención, García Gómez puxo especial fincapé no “compromiso adquirido polo executivo galego na promoción, dinamización e divulgación da lingua galega”, plasmado nos programas impulsados nos últimos anos “e mais na creación da Rede de Dinamización Lingüística, o primeiro proxecto materializado de coordinación das administracións e das entidades implicadas na normalización da lingua. O único posto en marcha desde un Goberno autonómico galego, que a día de hoxe coordina e impulsa accións con concellos, deputacións, mancomunidades e cantas entidades se comprometen coa promoción da lingua para facer chegar, xuntos, o galego a todos os recantos do país”.

No marco do Día Europeo das Linguas, que se celebra anualmente por iniciativa do Consello de Europa, o secretario xeral –que estivo acompañado da concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e o representante da empresa xestora, Xoán Mariño-, incidiu na importancia “de concentrar esforzos en achegar o galego a todos os ámbitos, nomeadamente ao do lecer, que supón unha parte moi importante da vida da  infancia e da mocidade”.

A lingua viaxa por Galicia en caravana

Galego de cine dinamiza a lingua galega valéndose do cinema e as artes plásticas. No interior da que pasaría por ser a sala de cinema máis pequena do mundo, unha vintena de cativos poderá contemplar as mellores curtametraxes de animación en galego. O vehículo, remodelado para garantir a perfecta visión da pantalla e a comodidade de todos os asistentes, será o lugar onde, despois de cada filme, os pequenos interactúen entre eles en galego, guiados polo revisor das palabras.

Unha vez aprendidas as técnicas audiovisuais básicas e a linguaxe multimedia, todos os participantes crearán unha historia conxunta baseada na técnica do “cadáver exquisito”. Cada un deberá improvisar unha frase para darlle continuidade á curtametraxe, que unha vez editada se poderá visualizar en www.galegodecine.org,  web na que tamén se pode consultar toda a información sobre a actividade e a carteleira. Ao remate da xira, en decembro, abriranse as votacións para escoller a mellor historia creada en Galego de Cine. Os gañadores recibirán como premio o libro-DVD do Soldadiño de chumbo, editado por Galaxia.

Xoán Mariño, responsable da empresa MrMisto Filmes, animou aos pequenos composteláns e compostelás a participaren nesta iniciativa gratuíta, que terá lugar o venres 28 de setembro a partir das 18:00 horas na Praza do Toural.

‘FalaRedes’

Esta actividade non é a única coa que a Consellería que dirixe Xesús Vázquez Abad está a promocionar o galego desde a RDL. Dende o mes de marzo, e a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o programa FalaRedes desenvolveu máis dun cento de accións dinamizadoras no tempo de lecer, valéndose do cinema, das TIC e das artes escénicas.

Ademais da sétima arte de Galego de cine, as historias do Señor das dunas farán as delicias do público xeral, nun espectáculo que combina as contadas de tradición oral con ilustracións dos relatos en area. Títerehop, a terceira das iniciativas que abrangue ‘FalaRedes, retomará proximamente as súas sesións para adolescentes que promocionan o galego mediante os monicreques e o hip-hop.

Estas actividades, xunto coas dos programas Redecinema e Monólogos de serán, suman máis de 300 accións gratuítas de dinamización galego no tempo de lecer impulsadas dende a Consellería de Cultura e Educación para as entidades da RDL.

Menús News node R