A Cidade da Cultura custodia xa as obras que se exhibirán na exposición “Códices. Xoias das catedrais galegas na idade media”

O traslado das doce pezas, que se atopan xa no Museo Centro Gaiás, efectuouse seguindo de xeito escrupuloso as condicións de transporte, conservación e seguridade estipuladas nos protocolos para obras deste valor

A mostra, que permanecerá na Cidade da Cultura ata o próximo 6 de xaneiro, poderá visitarse de balde a partir de mañá xoves á tarde

Mér, 26/09/2012 - 14:04
26.9.12.Códice Calixtino.jpg
Códice Calixtino

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia custodia xa as obras que integrarán a exposición “Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media”, mostra organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que reúne códices orixinais de entre os séculos IX e XV, auténticos tesouros do patrimonio documental e bibliográfico galego que por primeira vez serán exhibidos xuntos ao público.

A selección de doce pezas, entre as que se atopan obras como o Códice Calixtino, o Breviario de Miranda, o Misal Auriense ou o Tombo Pechado, poderán visitarse a partir de mañá á tarde no Museo Centro Gaiás, nunha exposición que será de balde e permanecerá aberta ao público ata o 6 de xaneiro.

O traslado dos códices, prestados polos cinco arquivos das catedrais galegas e pola Biblioteca do Seminario de Mondoñedo, efectuouse por parte de persoal especializado, baixo a supervisión das institucións que prestan as pezas e dos técnicos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e cumprindo coas condicións de conservación e seguridade indicadas para obras de arte deste valor. Con motivo da organización desta mostra, algunhas das obras foron previamente restauradas polos técnicos do Arquivo do Reino de Galicia.

As pezas atópanse no museo protexidas por un dispositivo de vixilancia permanente, que incorpora os protocolos de seguridade establecidos polas unidades especializadas da Policía Nacional e da Policía Autonómica.

As obras exhibiranse cumprindo todas as condicións de conservación en canto a temperatura, humidade e luminosidade necesarias para garantir a seu perfecto estado durante os tres meses que durará a mostra. Ademais, limitarase a un máximo de 15 persoas o acceso simultáneo ao espazo de exhibición.

Comisariada por Xosé Manuel Sánchez, técnico medievalista do Arquivo da Catedral de Santiago, o comité científico da mostra está integrado polos arquiveiros das cinco catedrais galegas, polo deán da Catedral de Santiago de Compostela, e polo reitor do Seminario de Mondoñedo.

Coa organización desta exposición, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve un importante labor divulgativo e de posta en valor do rico patrimonio cultural e relixioso que durante séculos foi custodiado pola Igrexa.

Das doce pezas da mostra,  dúas foron cedidas pola Catedral de Lugo, o Libro X de Pergameos Reais e o Libro XI de Bulas Papais; unha pola Catedral de Mondoñedo, o Tombo Pechado e outra polo Seminario de Mondoñedo, a Legenda Maior; o Misal Auriense e o Breviario Auriense da Catedral de Ourense; catro da Catedral de Santiago: Códice Calixtino, o Breviario de Miranda, Tombo A e Historia Compostelá; e dúas da Catedral de Tui, Pontifical e Pasionario Tudense.

Menús News node R

Tema