O conselleiro de Cultura e Educación salienta diante da comunidade educativa do Barco de Valdeorras a necesidade de unir forzas para avanzar na mellora do ensino en Galicia

Xesús Vázquez Abad compartiu hoxe parte da xornada con estudantes e profesores dos catro centros da localidade ourensá

Mér, 26/09/2012 - 13:10
Xesús Vázquez visita o CEIP Julio Gurriarán Canalejas
Xesús Vázquez visita o CEIP Julio Gurriarán Canalejas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, compartiu hoxe parte da xornada coa comunidade educativa do Barco de Valdeorras. Alí achegouse aos CEIP Julio Gurriarán Canalejas, Otero Pedrayo e Condesa de Fenosa, acompañado polas directoras dos tres colexios, Mª Luz Moldes, Mª Remedios Arias e Francisco Pérez, respectivamente; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego. Ademais, a última hora da mañá o conselleiro mantivo un encontro co alumnado e docentes do colexio Plurilingüe Divina Pastora, no mesmo concello ourensán.

Durante o seu encontro con profesores e estudantes o conselleiro salientou a necesidade de unir as forzas de todos os membros da comunidade escolar para avanzar na mellora do ensino en Galicia, lembrando que os programas postos en marcha para tal fin pola Administración educativa non terían os seus froitos se non fora pola implicación dos colexios e institutos galegos.

Neste sentido, Vázquez Abad agradeceu aos tres colexios a súa participación na primeira quenda dos contratos-programa que a Consellería asinou o curso pasado con 144 centros educativos galegos. De feito, estes tres colexios do Barco de Valdeorras desenvolveron cadanseu contrato-programa en dúas das liñas de actuación da convocatoria, nomeadamente nas de reforzo, orientación e apoio; e mellora da lectura, da escritura e do cálculo; tal e como eles mesmos solicitaron tras analizar as súas debilidades e fortalezas.  Estas actuacións a prol da mellora da calidade educativa beneficiaron o pasado curso a máis de 140 estudantes destes tres colexios, grazas á implicación de 40 profesionais, que desenvolveron labores de docencia, titoría e coordinación. Ademais, ao abeiro dos contratos asinados coa Consellería, os centros foron dotados con preto de 23.000 euros para o desenvolvemento das diferentes actividades.

Novas tecnoloxías

Vázquez Abad sinalou tamén a implicación destes tres colexios do Barco de Valdeorras na estratexia de implantación das novas tecnoloxías da información e a comunicación nos centros educativos galegos posta en marcha pola Consellería, o Proxecto Abalar. De feito, os tres CEIP participan nesta iniciativa,a través da que contan con ordenadores ultraportátiles para preto de 180 estudantes en 10 aulas Abalar.

Xa a última hora da mañá, o conselleiro desprazouse ata o colexio plurilingüe Divina Pastora, no Barco de Valdeorras, que comeza este curso 2012/2013 a traballar co Proxecto Abalar. Xesús Vázquez aproveitou para loar á comunidade educativa de que o centro se teña implicado no fomento do uso dunha terceira lingua e o emprego das novas tecnoloxías nas aulas.

Fomento da lectura

Ademais, o conselleiro quixo felicitar a estudantes e profesores dos CEIP Julio Gurriarán, Otero Pedrayo e Condesa de Fenosa polo seu labor de fomento da lectura na biblioteca escolar. Non en balde, os tres participan en programas que a Consellería promove para este fin, entre os que destaca o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Neste marco a súa actividade tenlles servido para acadar achegas que suman máis de 52.000 euros, cos que poden mellorar as instalacións e recursos das bibliotecas; así como acadar recoñecementos como o segundo premio outorgado  polo Ministerio de Educación no ‘Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2011’ ao bo traballo desenvolvido nesta materia polo CEIP Conde de Fenosa.

Durante o seu percorrido polos centros, a comunidade educativa amosou ao conselleiro o resultado das melloras realizadas no ximnasio, vestiarios, comedor, biblioteca e diversas aulas e despachos do CEIP Otero Pedrayo; así como da reparación de aseos, aulas de infantil e patio infantil e obras de saneamento no CEIP Julio Gurriarán. Para estes traballos, xunto cos que se iniciarán nos vindeiros día no pavimento de tres aulas de infantil do CEIP Conde de Fenosa, xa se tiña reservado unha partida de máis de 776.000 euros.