O secretario xeral de Universidades destaca a necesidade de afondar na cultura da avaliación no II Seminario de formación de avaliadores da ACSUG
José Alberto Díez de Castro representou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria neste encontro de expertos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta pola cultura da avaliación, porque “sño o que se pode medir, pódese mellorar”. Así o salientou o secretario xeral de Universidades da Consellería, José Alberto Díez de Castro, durante a súa intervención no II Seminario de formación de avaliadores da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), que se celebra hoxe e mañá en Lugo e os vindeiros 2 e 3 de outubro en Ourense.
O secretario xeral de Universidades explicou que “vivimos na era da avaliación. Esta nova cultura baséase en dous principios: O que non se avalía, devalúase, e só o que se pode medir, pódese mellorar”, sinalou. Neste sentido, o secretario xeral de Universidades apostou por empregar o resultado das probas obxectivas de avaliación “para reflexionar e buscar melloras en actitudes, procedementos e metodoloxías para o seguinte curso académico. Nun proceso sen fin de mellora como representa sempre a procura da excelencia. Concepto sempre en constante movemento, sempre inalcanzable”.
Para mellorar a avaliación, “un proceso global, que afecta a todos os membros de calquera organización” salientou a necesidade dunha adecuada formación, “unha comprensión dos mecanismos e criterios que levan a formular calquera diagnóstico, recomendación ou conclusión a un avaliador”. Así sinalou “a importancia deste tipo de actividades formativas. Durante este seminario todos vostedes analizarán as evidencias que permitirán sustentar un xuízo reflexivo, ordenado e consensuado”. “Para que nos vindeiros procesos de avaliación poidan obterse mellores resultados ao colocarse en calquera posición: activa ou pasiva, avaliador ou avaliado”, rematou.
Formación para a avaliación
Docentes e alumnado das universidades de Santiago de Compostela (USC) e da de Vigo (UVigo), xunto a profesionais dos diferentes sectores empresariais galegos, reuníronse hoxe neste seminario para reflexionar sobre a situación actual da universidade en España e os novos retos que ten que asumir, relacionados coa internacionalización ou a implantación de novas titulacións.
Ademais, o seminario ten entre os seus obxectivos fomentar a participación de académicos, profesionais e estudantes nos procedementos de avaliación da calidade que, tanto a nivel internacional como nacional, desenvolven axencias como a ACSUG. De feito, é moi habitual que se demande a participación destes colectivos nestes procesos de avaliación externa das ensinanzas e do seu profesorado, polo que se fai necesario formar colectivos que os coñezan e os dominen.
Para iso, ao longo das catro xornadas nas que se desenvolve o seminario celebraranse mesas redondas e impartiranse relatorios arredor dos procesos de avaliación, de acreditación de profesorado ou de verificación, modificación e seguimento de títulos oficiais, entre outros. Neles participarán expertos nestas materias, ademais do secretario xeral de Universidades, e o director e a presidenta da ACSUG, José Eduardo López Pereira e Mª Patrocinio Morrondo Pelayo.