A Consellería de Educación organiza unha xornada de Formación do Profesorado para o uso do Portfolio Europeo Electrónico das Linguas para preto de cen docentes
O subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, Juan Durán Alonso, inaugurou o encontro
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza hoxe en Santiago de Compostela a xornada de Formación para o uso do Portfolio Europeo das Linguas, un encontro no que se reúnen preto de cen docentes do sistema educativo galego. O subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, Juan Durán Alonso, asistiu á inauguración do curso, como mostra do apoio decidido e firme da Consellería de Educación á formación do profesorado galego ao longo da súa vida, e á aprendizaxe de linguas estranxeiras. Esta xornada constitúe unha medida máis dentro da estratexia que está a seguir a Xunta de Galicia para garantir que todos os galegos e galegas adquiren as competencias lingüísticas necesarias para se desenvolver na Sociedade do Coñecemento e no mundo globalizado.
O obxectivo desta xornada é presentar e difundir o Portfolio Electrónico, nova ferramenta para promover o uso do Portfolio Europeo das Linguas (PEL), un documento persoal promovido polo Consello de Europa. Nel, poden rexistrar, de forma guiada e sistemática, a súa competencia lingüística, as acreditacións obtidas en materia de linguas e todas as experiencias lingüísticas e culturais significativas, e reflexionar sobre elas.
A Consellería de Educación, xoga un papel protagonista na súa introdución nos centros educativos galegos a través dos plans de formación do profesorado, participando activamente do espírito co que o Consello de Europa impulsa este proxecto. Deste xeito, Educación coincide con este organismo na utilidade desta ferramenta para describir de forma clara e transparente as competencias lingüísticas e as súas respectivas titulacións, co fin de facilitar a mobilidade en Europa; e coa promoción do plurilingüismo por medio da aprendizaxe de linguas e culturas ao longo da vida. Ademais, o PEL afonda en valores universais como é o entendemento e a tolerancia entre os cidadáns europeos, e a protección e promoción da diversidade lingüística e cultural. O fin último deste proxecto é o desenvolvemento da cidadanía europea democrática.
Apoio á formación dosdocentes
Esta xornada forma parte do completo programa de formación continua do profesorado galego que está a desenvolver a Consellería de Educación. Nela, responsables da implementación do PEL nos centros educativos, asesores de formación e inspectores de educación en distintas comunidades autónomas, coñecerán o Portfolio Electrónico, unha ferramenta en liña para a avaliación das linguas e as culturas dentro do marco das Tecnoloxías da Información e a Comunicación; as implicacións metodolóxicas deste PEL, así como exemplos de actividades para a súa utilización na aula.
O Portfolio Electrónico chega unha vez constatado o éxito do PEL en formato papel. Con el preténdese ir máis aló dunha mera reprodución en dixital do documento actual, ao apostar polo desenvolvemento dunha ferramenta en liña que preste o apoio pedagóxico que o profesorado precisa para a aplicación do PEL, e que sirva de axuda para a súa difusión. Nel respéctase a estrutura e o tratamento dos portfolios xa validados, engádense aos descritores trazos de interculturalidade e establécese unha relación directa entre a biografía e o pasaporte; ademais de incluírse un importante dispositivo de axudas así como de diferentes niveis de acceso segundo o perfil (titor/profesor, estudante...).
O Portfolio Europeo das Linguas consta de tres partes. No denominado 'Pasaporte de linguas', reflicte mediante as competencias descritas no cadro de
autoavaliación o que o titular saber facer en distintas linguas. Tamén contén información sobre acreditacións: diplomas obtidos, cursos aos que asistiu e contactos relacionados con outras linguas e culturas. En complemento disto, a 'Biografía lingüística' describe as experiencias, os coñecementos lingüísticos e as habilidades do titular en cada unha das linguas, e está deseñada para servir de guía ao usuario á hora de planificar e avaliar o seu progreso. Por último, o 'Dossier' é o documento no que o usuario recolle unha mostra selectiva dos traballos persoais que ilustran as súas capacidades e coñecementos lingüísticos (certificacións, traballos escritos, producións orais, proxectos, etc.).