Cultura e Educación, obra social “la Caixa” e Fundación Santa María la Real colabora para impulsar a formación e o emprego de mozos investigadores en materia de patrimonio cultural

Xesús Vázquez Abad, o director executivo territorial de "la Caixa" en Galicia e o presidente da Fundación Santa María la Real asinaron hoxe un convenio, ao abeiro do cal se elaborará a ‘Enciclopedia del Románico en la Península Ibérica’

Trátase dunha aposta por facilitar o acceso aos máis novos ao mercado laboral, ao tempo que se favorece a difusión do patrimonio cultural galego

Lun, 24/09/2012 - 13:35
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o director executivo territorial de “la Caixa” en Galicia, Marc Arthur Benhamou, e o presidentes da Fundación Santa María La Real-Centro de Estudios del Románico, José María Pérez González, na sinatura do convenio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o director executivo territorial de “la Caixa” en Galicia, Marc Arthur Benhamou, e o presidentes da Fundación Santa María la Real-Centro de Estudios del Románico, José María Pérez González; asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que impulsarán a formación de mozas e mozos investigadores en situación de desemprego en materia de conservación do patrimonio cultural. Ao abeiro deste acordo, impulsarase a elaboración da Enciclopedia del Románico en la Península Ibérica, un proxecto que afonda na grande riqueza deste espazo xeográfico desde o punto de vista histórico, artístico, ecolóxico e paisaxístico, con valores específicos dentro da arte románica.

Para contribuír a este proxecto a Consellería de Cultura e Educación facilitará o acceso aos investigadores aos monumentos e bens do patrimonio histórico das catro provincias galegas que compoñen o programa da enciclopedia, sempre de acordo ao máximo respecto por estes. Deste xeito, o departamento dirixido por Vázquez Abad contribúe á formación e ao emprego de mozas e mozos investigadores licenciados en Xeografía e Historia e en Arquitectura en situación de desemprego, no que supón, ademais dunha promoción do patrimonio cultural galego, unha clara aposta por facilitar o acceso ao mercado laboral aos máis novos.

O traballo de investigación será complementado con formación para os mozos investigadores e a tutela a cargo dun grupo de profesores e profesionais de acreditada solvencia e cunha longa e contrastada experiencia académica e profesional en diversas universidades e museos españois, así como en proxectos e plans relacionados coa moderna tutela do patrimonio. O obxectivo é preparar ao estes novos licenciados para que poidan asumir responsabilidades na protección e dinamización da arte e o patrimonio cultural, que lles abran ademais as portas de novas oportunidades profesionais.

Enciclopedia do románico

Froito do traballo de campo redactaranse artigos sobre diferentes testemuños románicos conservados en Galicia, que formarán parte da Enciclopedia del Románico en la Península Ibérica, promovida e coordinada pola Fundación Santa María la Real, da que se editarán 1.500 exemplares. Ademais, esta información será publicada na plataforma web Románico Digital.

O obxectivo da enciclopedia e a investigación a ela vencellada é recuperar os valores patrimoniais históricos e artísticos dos vestixios románicos na Península Ibérica, así como propoñer solución de recuperación arquitectónica para responder aos usos actuais en condicións de seguridade axeitadas.

Así mesmo, procúrase promover estes monumentos e bens históricos como foco de atracción para o turismo cultural, de tal forma que se convertan en elementos dinamizadores das zonas nas que se sitúan.