A Consellería de Cultura e Educación presenta novos materiais en galego dirixidos á formación profesional
As novas ferramentas multimedia en galego destínanse especificamente ás familias profesionais da Automoción, Transportes e Mantemento de vehículos, Electromecánica de Vehículos e carrocería
Un dos materiais é un libro electrónico elaborado no marco dun proxecto Intercentros desenvolto ao longo de dous anos baixo a coordinación do CIFP ribadense Porta da Auga
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe, na Cidade da Cultura de Galicia, a versión galega do libro electrónico elaborado no marco do proxecto Proxecto Agrupación de Centros (DRMA20), desenvolto por docentes da familia profesional de Transporte e Mantemento de vehículos de catro comunidades autónomas (Galicia, Navarra, Murcia e Canarias) e coordinado polo CIFP Porta da Auga de Ribadeo.
Os traballos contan co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, foron desenvolvidos de forma conxunta con centros de Murcia, Navarra e Canarias ao longo de dous anos, co fin de fornecer o alumnado e o profesorado de recursos didácticos, de aplicación na aula.
No acto de presentación participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado da subdirectora de Formación Profesional da Xunta de Galicia, María Eugenia Pérez Fernández; da directora e do docente encargado da coordinación do proxecto desde o CIFP Porta da Auga de Ribadeo, Beatriz Dobaño Torrón e Álvaro Doural Leiras, respectivamente; e mais de representantes dos outros dous centros participantes, Carmen Rivas en nome do IES Primero de Mayo das Palmas de Gran Canaria e Juan José Martínez Fernández polo IES Miguel de Cervantes, de Murcia.
García Gómez salientou “a importancia de contarmos cada vez con maior número de contidos educativos en galego, cos soportes tecnolóxicos máis útiles e versátiles para as aulas e os talleres. Esta finalidade adquire máis importancia na ámbito da FP polo seu necesario carácter transversal, innovador e práctico”.
Materiais de utilidade para a dinamización do galego na formación profesional
O proxecto inclúe un módulo en galego que favorecerá a dinamización da lingua galega, nomeadamente de terminoloxía específica na nosa lingua no ámbito da Automoción, Transportes e Mantemento de vehículos, Electromecánica de vehículos e Carrocería.
Este módulo, “Primeiros auxilios dos accidentes máis frecuentes nun taller de automoción”, divídese en dúas partes, a primeira centrada nos primeiros auxilios e a segunda nos riscos laborais nos talleres de automoción. Constitúe un dos seis volumes que conforman o libro electrónico “Sistemas de audio, Pneumática, Primeiros auxilios, Riscos laborais, Proceso de pintado e Vehículos híbridos”.
Recursos multimedia
Dende o punto de vista técnico, este libro electrónico xestiona varios tipos de documentos e recursos multimedia: textos, audio, power point, pdf, documentos interactivos, ligazóns etc. Pódese utilizar vía web e tamén en formato DVD ou disco duro con todo tipo de equipos.
Carácter práctico
Dende a perspectiva dos contidos, este traballo supón unha gran consecución no eido dos materiais para a familias de formación profesional, xa que alén de ser froito do intercambio entre varios centros, suma os coñecementos de dúas familias profesionais (Sanidade e Transporte e Mantemento de Vehículos). Destaca tamén o seu carácter práctico e preventivo para os centros que impartan as familias profesionais de Transportes e Mantemento de Vehículos: ciclos medios de Electromecánica de vehículos e Carrocería, así como ciclo superior de Automoción.