Cultura e Educación colabora na recuperación e posta en valor da obra de Bal y Gay, unha das voces máis destacadas da creación musical galega

A Cidade da Cultura acolleu esta tarde a presentación da primeira gravación da obra sinfónica completa do compositor, un traballo dirixido por José Luis Temes que acaba de ver a luz grazas á coprodución da Orquesta de Córdoba e a colaboración da Secretaría Xeral de Cultura

Na sesión ‘Bal y Gay, compositor sinfónico’ participaron Temes, Joám Trillo e Carlos Villanueva, destacados investigadores da obra do autor

O secretario xeral de Cultura destacou no acto que “a recuperación do noso patrimonio musical e a súa incorporación aos repertorios habituais das programacións é un camiño a seguir de maneira decidida e colectivamente”

Xov, 20/09/2012 - 19:36
O secretario xeral de Cultura na xornada sobre Bal y Gay na Cidade da Cultura
O secretario xeral de Cultura na xornada sobre Bal y Gay na Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura acolleu esta tarde unha sesión dedicada á obra do compositor Jesús Bal y Gal, unha das voces máis destacadas da creación musical galega. Baixo o título Bal y Gay, compositor sinfónico, a Secretaría Xeral de Cultura promoveu esta iniciativa para contribuír a un maior coñecemento deste autor de referencia no ámbito musical dentro e fóra de Galicia.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, foron os encargados de abrir o acto, no que algúns dos principais investigadores da obra de Bal y Gay, como son o director de orquestra e Premio Nacional de Música José Luis Temes, o musicólogo Joám Trillo e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Villanueva expuxeron no Gaiás a súa perspectiva e análise da obra para orquestra do compositor galego.

No transcurso da sesión tivo lugar a presentación do disco Jesús Bal y Gay. Obra sinfónica completa que, baixo a batuta de Temes, acaba de ver a luz no selo Verso, nunha coprodución da Orquestra de Córdoba que contou coa colaboración da Consellería. Trátase da gravación, por primeira vez, da totalidade das composicións para orquestra, creadas todas elas polo músico lugués Bal y Gay na súa etapa de exilio en México.

Un referente no campo musical

“Esta sesión que organizamos constitúe un acto de acollida dunha iniciativa pioneira de enorme valor: a recuperación dunha parte fundamental dun dos nosos compositores históricos de referencia”, asegurou Anxo Lorenzo, quen se referiu a Bal y Gay como “un referente constante no campo musical galego”. “Dos seus estudos e recollidas –dixo–, do seu cancioneiro elaborado con Torner, levan bebendo os músicos da escena do folk e da música tradicional galega, que conseguiron nestes últimos vinte e cinco anos poñer a nosa raíz musical en primeiro plano, mesmo no ámbito internacional”.

O secretario xeral de Cultura tamén asegurou que o compositor lucense ten sido “fonte de interese dos novos compositores e intérpretes da música denominada culta ou académica, preocupados na construción dunha proposta musical nova, coñecedora e debedora do seu pasado”. “Con todo –engadiu–, Bal y Gay segue a ser aínda un gran descoñecido para os públicos xerais. E esta é unha corrección á que o disco que presentamos vai contribuír, se ben cómpren aínda moitos esforzos a prol dun abano de creadores en situación semellante”.

Nese sentido, afirmou que “son alentadores os traballos de revitalización liderados por empresas e institucións nesa dirección, sempre co impulso do entusiasmo contaxioso de persoas que dedican moito tempo ao estudo e á posta en valor dos creadores”. Este proceso de recuperación do noso patrimonio musical e a súa incorporación aos repertorios habituais das agrupacións é un camiño que debemos trazar de maneira decidida e colectivamente: como promotores, como programadores, como formadores, como intérpretes e tamén como público”, concluíu.

A sesión tamén incluíu a proxección dun extracto do documental que, a raíz do centenario do nacemento do compositor, produciu en 2006 RTVE baixo a dirección do xornalista galego Manuel Lombao, que foi presentado polo director do centro territorial de Galicia de Televisión Española, Rafael Cid.

Renovación da composición e da investigación

Bal y Gay (1905-1993) "dotou a Galicia dunha voz propia entre as mellores músicas da xeración do 27", en palabras de Temes. O compositor representa unha das principais figuras da creación musical de todos os tempos. A súa renovación da composición e da investigación, a súa contribución á posta en valor da tradición musical galega e a personalidade da súa proposta musical fan transcender o interese por este autor dentro e fóra de Galicia.

Con esta sesión, a Xunta de Galicia quere impulsar a difusión deste autor de referencia no século XX, así como poñer en valor o traballo de recuperación e interpretación do repertorio musical galego.

A obra de Bal, á disposición dos estudantes

Con este mesmo obxectivo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria completou xa a distribución de exemplares desta gravación nos principais centros de estudos musicais de Galicia, así como nos espazos bibliotecarios, co fin de poñer a disposición dos estudantes este conxunto de obras que, en palabras de Temes, dotan a Galicia “dunha voz propia entre as mellores músicas daquela xeración”.